----

Unha xornada analiza a vixencia do pensamento de Pasolini

A obra literaria, cinematográfica, poética e xornalística de Pier Paolo Pasolini atende a conceptos como a liberdade, a violencia, a memoria, a xustiza, a felicidade ou o poder. Estas cuestións, que están de vixente actualidade, analizaraas o Consello da Cultura Galega (CCG) na xornada “O pobo canta: o pensamento político de Pier Paolo Pasolini”, cita coordinada por Simone G. Saibene e Celia Pereira Porto que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. A inscrición está aberta e pode facerse no web do CCG.

“Contribuír a espallar o coñecemento sobre o pensamento político de Pasolini, que goza dunha sorprendente actualidade, ao mesmo tempo que introducir novos enfoques á hora de enfrontarse á súa obra” son algúns dos obxectivos desta xornada, que arrinca cunha conferencia de Antonio Giménez Merino, profesor de Filosofía do Dereito da Universitat de Barcelona e autor da obra Una fuerza del pasado. El pensamiento social de Pasolini, quen ofrecerá un relatorio titulado “Pasolini fronte á dobre verdade discursiva: o destinatario da creación artística como autor”. Após a súa intervención, o cineasta e produtor Simone G. Saibene intervirá para falar do cine corsario, poético e politicamente incorrecto de Pasolini. Pola tarde, a xestora e creadora cultural Cristina Consuegra ofrecerá unha revisión da vixencia do seu legado na intervención titulada “Pasolini ChatGPT. O intelectual queimado polas miradas. A ollada que resiste”.

A sesión rematará coa proxección do filme La ricotta, no que Pasolini conta a ficción da gravación dun filme sobre a vida de Xesucristo. Protagonizada por Orson Welles, Mario Cipriani e Laura Betti, retrata a miseria da xente que se somete a distintas humillacións con tal de gañar un pouco de comida.