A axenda da presidenta continúa este xoves coa súa participación no Colóquio Afonso X e a Galícia, que se levará a cabo na Sala da Congregação da Escola de Música da UFRJ. Pola tarde, ofrecerá unha conferencia na Universidade Federal Fluminense, en Niterói.
A exposición
Comisariada por Antoni Rosell (Universitat Autònoma de Barcelona), a mostra Afonso X e Galicia busca visibilizar a conexión coa Galicia de Afonso X a través das Cantigas de Santa María pero tamén doutros nexos máis profundos, ademais de amosar un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. A exposición non segue un relato cronolóxico, senón que busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana, para dar a coñecer a súa vida e os seus conflitos. Nela tamén se profunda no seu labor científico, histórico e cultural.
A viaxe institucional
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, visitou o arquivo do escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai (1907-1992) no inicio da súa viaxe institucional ao Río de Xaneiro. Alí foi recibida pola viúva deste, Nora Tausz, e mais pola súa filla, Laura Rónai, que acordaron conceder permiso para dixitalizar as cartas do epistolario que Paulo Rónai recibiu de Valentín Paz-Andrade. O permiso da familia permite completar parte do epistolario entre estas dúas figuras que o Consello da Cultura Galega puxo na rede en 2021 con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa. Daquela publicáronse cincuenta e dúas cartas que o escritor e tradutor brasileiro escribiu a Valentín Paz-Andrade entre os anos 1974 e 1988. Este epistolario dá conta da grande amizade que os uniu e do profundo coñecemento de ambos a respecto do escenario cultural da época nos seus respectivos países.
Ademais, a presidenta, acompañada pola responsable de Acción Exterior, Emilia García, visitou a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, a cal, dende 1940, presta asistencia, aloxamento, alimentación e atención médica a persoas maiores sen amparo familiar. Alí foi recibida pola súa presidenta, Esther Pérez Durán, e asinou no libro de honra da entidade.



