A xornada comezará cunha intervención a cargo de Rafael Sánchez Bargiela, que se centrará na biografía da figura homenaxeada. Deseguido, Suso Vila abordará a ascendencia xudía de Francisco Sánchez e afondará no Tui da época e nas relacións con Portugal. Sobre o perfil médico de Sánchez falará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria, e concluirá Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior (Covilhã), cunha intervención sobre o pensamento filosófico de Sánchez.
A xornada pechará cun concerto no Teatro Municipal, a cargo do coro de cámara Vox Stellae, titulado A propósito de Francisco Sánchez “o escéptico”, que percorre a vida do homenaxeado. Comezará coa peza anónima “Vidi aquam”, do Arquivo da Catedral, e a continuación interpretará “iste cognovit iustitiam”, de Antonio Carreira O moço, que representa a súa relación con Portugal. Así mesmo, vinculará a estadía de Francisco Sánchez en Italia coas obras “O quam gloriosum”, de Tomás Luís de Vitoria, “Pose un gran foco”, de Giovanni Pierlugi da Palestrina, e mais “Donna celeste che Dio sei madre” e “Nell’ apparir del sempiterno sole”, de Francisco Soto de Langa. Por último, vinculará a época en que Francisco Sánchez viviu en Francia coa interpretación de tres obras de Jean Baptiste Besard —“Deux Courantes”, “Prelude” e “Branle simple”— e con “Divine amarillis”, “Alleluia. O filii et filiae” e “Nos esprits livres et conten”, de Antonie Boesset. No concerto, de entrada libre, participarán once cantantes e un grupo de laíde, guitarra barroca, clave e contrabaixo.
Sobre o homenaxeado
Francisco Sánchez, coñecido como o Escéptico ou o Tudense, tivo un espírito polifacético que o levou a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur (Que nada se sabe), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.
Naceu en Tui, como el mesmo asinou na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564, pois está documentada nesta localidade a presenza do seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial contra os “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmente en Toulouse (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago, e posteriormente incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu alí o 16 de novembro de 1623, hai agora 400 anos.
Ademais desta xornada do martes 14, o xoves 16, coincidindo coa data exacta do falecemento de Francisco Sánchez, terá lugar a inauguración dun monólito e a presentación da tradución ao galego da súa obra Quod nihil scitur realizada polo profesor Laureano Alonso, con ilustracións de Andrés Lamas e editada polo Concello de Tui.



