Lembranza do Seminario de Estudos Galegos recupera do fondo de Lois Tobío dous textos fundamentais

Lembranza do Seminario de Estudos Galegos é a nova publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) que rescata do fondo de Lois Tobío dous textos que dan conta de acontecementos importantes para a historia do país, como o nacemento do Seminario e as circunstancias da redacción do Estatuto de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a filla de Lois Tobío, Constanza Tobío; e o editor e principal da publicación, Ramón Villares, presentan esta publicación coa que a institución pon o ramo á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). O libro xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

A presidenta do CCG destacou na presentación que no titular figura “lembranza porque é alguén que garda con boa memoria e o reproduce con fidelidade, algo que fixo de maneira exemplar a figura irrepetible de Lois Tobío”. A xénese desta publicación remóntase ao material que a súa filla Constanza cedeu ao CCG o pasado 13 de marzo de 2023, cando se cumpría o 20º cabodano do pasamento. Cumpríase a vontade do intelectual de que o seu legado repousase nunha institución galega. Dese material, sae agora Lembranza do Seminario de Estudos Galegos con escolma, edición e comentario de Ramón Villares de dúas pezas que repousan nese fondo. “Son un contributo orixinal, dúas pezas centrais na nosa historia escritas por unha figura fundamental que estando fóra do país, nunca deixou de estar dentro” afirmou nunha intervención que serviu de panorámica da inestimable contribucion de Tobío. A filla de Lois Tobío, Constanza, agradeceu a publicación que, na súa opinión sería “de agrado de meu pai”.

A obra
Os documentos editados son textos sobranceiros que comparten dous denominadores comúns. Dunha banda o dobre carácter de documentos que informan sobre fitos relevantes para o relato da historia da Galicia do século XX e de testemuño directo dun dos participantes nos feitos referidos. Da outra, que ambos os dous foron compostos nos primeiros anos da democracia, desde a distancia temporal respecto dos acontecementos e coa decantación na memoria producida pola experiencia vital.


No primeiro texto, Lois Tobío evoca o nacemento e primeiros anos de vida do Seminario, deténdose no seu carácter e na contribución dos principais protagonistas. “É un testemuño fundamental porque resume o estilo, obxectivo e traballo do Seminario de Estudos Galegos” explicou Villares.


No segundo, “lamentablemente breve” apuntou Villares, achéganos noticias e circunstancias da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galiza, encargado polo Seminario de Estudos Galegos na primavera de 1931 a unha comisión da que el formaba parte e redactado materialmente por dous mozos formados en Dereito, Ricardo Carballo Calero e el mesmo.

Coa edición de Lembranza do Seminario de Estudos Galegos, o Consello da Cultura Galega pon o ramo á homenaxe a Lois Tobío e aos actos con que, durante todo o ano 2023, Galicia enteira conmemora o centenario do Seminario de Estudos Galegos.


Lois Tobío
O devalar vital de Lois Tobío crúzase coas grandes iniciativas de construción da identidade de Galicia pero tamén da súa recuperación desde América tralo triunfo do golpe de Estado. No marco da presentación, Villares definiuno coma un “low profile” cun papel moi relevante nas institucións. Non foi só un diplomático, senón tamén un creador, un tradutor, un xornalista que desenvolveu unha intensa actividade. Naceu en Viveiro o 13 de xuño de 1906. Estudou Dereito na Universidade de Santiago, onde coñeceu un grupo de compañeiros e mestres que nos anos vinte fundan o Seminario de Estudos Galegos, no que el participa activamente. Cada vez máis integrado no Partido Galeguista —foi membro do seu Consello Executivo dende que se creou en 1931— e, contando coa amizade e confianza de Castelao, foi un dos redactores do Anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Diplomático de profesión, tras o golpe de Estado de 1936 Tobío mantivo a súa fidelidade á República, o que provocou que tivera que iniciar un exilio que o levaría a Francia, Cuba, México e finalmente Uruguai. En Montevideo traballou como xornalista, mantivo as súas fortes vinculacións co galeguismo e asesorou xuridicamente a Castelao na creación do Consello de Galiza, do que foi delegado en Uruguai. Ademais, é fundador e colaborador da emisión radial Sempre en Galiza de Montevideo e escribe numerosos artigos en Galicia Emigrante e outros voceiros da colectividade. En 1963, Lois Tobío retorna coa súa familia a España, tras case 25 anos sen pisar a súa terra natal. Durante a vellez dedícase ás súas angueiras históricas e literarias e participa activamente na restauración e renovación do Seminario de Estudos Galegos (1979), entidade que preside ata a súa morte o 13 de marzo de 2003.

A súa filla Constanza, no marco da presentación, recoñeceu que foi “unha peza central que sempre tivo algo de marxinalidade para o que hai dous razóns posibles: a primeira, o feito de vivir exiliado que lle fai pertencer tamén a outro tempo e a súa propia forma de ser, no que estaba máis preocupado por traballar en equipo, polo empeño común, máis que por ter protagonismo”.