NOTICIA

----

A Orquestra Sinfónica de Galicia estrea Terra, de Juan Durán, no concerto conmemorativo da institución

O Palacio da Ópera da Coruña acolle este venres 24 de novembro (20:00 horas) un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán. O concerto será gravado para a súa futura edición.

Este concerto, que se integra dentro do programa de abono da OSG, presenta un programa con dúas pezas de marcado corte festivo. Unha delas é unha composición elaborada especificamente para a ocasión polo recoñecido compositor galego Juan Durán, polo que será a súa estrea absoluta. Trátase dunha cantata para solista, coro e orquestra, e para a súa interpretación contarase co coro da OSG, dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo, e co barítono Javier Franco.


Na súa composición, Durán buscou amosar o carácter reivindicativo da obra de Ramón Cabanillas, para o cal partiu dos textos máis militantes dos poemarios No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. O resultado é unha obra de longa duración (rolda os corenta minutos), organizada en tres movementos, que combina unha homenaxe á tradición oral do país cun ton épico e de intencionalidade descritiva das paisaxes, os sentimentos e a historia do país. A peza, composta para a ocasión, foi cedida gratuitamente polo compositor para o Consello da Cultura Galega.


O programa arrinca coa Sinfonía nº 3 en mi bemol maior, op. 97 «Renana» de Robert Schumann. A obra, estreada en Düsseldof en 1951 con moi boa acollida, conta con cinco movementos e ten un aire de celebración e afirmación rotunda, unha carga revolucionaria que foi recibida con éxito en moitas cidades europeas da época.

Os protagonistas
Juan Durán (Vigo, 1960) é autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Recibiu numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio da Cultura Galega en 2013 e o Premio Reina Sofía de Composición en 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da M. I. Academia da Música Valenciana.

A súa produción compositiva está depositada no Arquivo de Galicia e foi editada en Viso, Real Musical, Dos acordes, Dinsic, Editorial Rivera etc. Tamén existen rexistros da súa música en distintos CD e DVD.


Dedica gran parte do seu traballo compositivo á música vocal, cun amplo catálogo de cancións, tanto de creación propia como arranxos e orquestracións de temas galegos. Musicalizou poetas en lingua galega, catalá, española, francesa e italiana, dos que destaca a súa colaboración con poetas actuais como Antonio Carvajal, Julia Uceda ou Marica Campo, entre outros.

As súas obras interpretáronse en gran parte de Europa e nos Estados Unidos, A Arxentina, O Brasil, Chile, México, Hong Kong ou Tailandia, entre outros países.

A Orquestra Sinfónica de Galicia, creada en 1992 polo Concello da Coruña, é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España, ademais de supor unha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube. Desde esta temporada, o seu director titular é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez é o director honorario. Foi orquestra residente do Festival de Ópera de Rossini, en Pésaro, nas edicións de 2003 a 2005, así como do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Na súa discografía atópanse traballos para selos como Deutsche Gramophon, Sony, BIS, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts. No marco da Orquestra Sinfónica de Galicia creouse en 1998 o seu coro, formado por máis de setenta voces procedentes de toda Galicia. Actualmente está dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo.

Outro dos protagonistas do concerto deste venres é o coruñés Javier Franco, un dos barítonos españoles máis destacados da súa xeración, especialista en Verdi, Puccini, e bel canto. Formado na Escola Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio Superior de Música do Liceu de Barcelona, así como gañador de numerosos concursos internacionais, coñece ben o Palacio da Ópera da Coruña, o Teatro Real de Madrid, o Teatre del Liceu de Barcelona, o Palau de Les Arts Reina Sofía de Valencia, o Teatro de la Zarzuela de Madrid ou o Teatro Campoamor de Oviedo, entre moitos outros.

A celebración
Este concerto é unha das actividades deseñadas dentro da conmemoración do 40º aniversario da creación do CCG, que se festexa neste 2023. A celebración, que se estende ao longo de todo o ano, tivo no foro Pensar o mundo dende Galicia un lugar central, no que unha vintena de relatores, entre os que se atopan Remedios Zafra, Emili Prado, Peter A. Kraus ou Jesús Villacañas, abordaron temas como o papel do galego nas sociedades multilingües, a calidade da democracia, o humanismo e a tecnoloxía ou o futuro da comunicación, entre outros. As actividades rematan o vindeiro xoves, 30 de novembro, coa xornada “Cultura e autonomía”, que busca analizar as relacións entre o proceso de creación da autonomía e a institucionalización da cultura. Esta cita contará con dirixentes políticos que participaron no deseño do Estatuto de Galicia (Pablo González Mariñas) e na posta en marcha do propio CCG (Víctor Vázquez Portomeñe), así como con expertos que analizarán por sectores o papel da cultura na democracia, tanto en España (Giulia Quaggio) como, de forma máis concreta, en Galicia (Rosario Sarmiento e Marcos Lorenzo).