NOTICIA

----

Unha xornada sobre cultura e autonomía pecha as actividades conmemorativas do 40º aniversario

Cultura e autonomía é o título da xornada con que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon o ramo ás actividades deseñadas para celebrar o 40º aniversario da súa creación. A cita, que se desenvolve este xoves 30 de novembro (10:00 horas), pretende analizar as relacións entre o proceso de creación da autonomía e a institucionalización da cultura. Pablo González Mariñas ou Víctor Vázquez Portomeñe son algúns dos participantes nesta xornada, que se poderá seguir en directo dende o web e as redes sociais da institución.

A sesión comezará co relatorio de Víctor Vázquez Portomeñe, conselleiro de Educación da Xunta de Galicia en 1983, que buscará situar a cultura galega nos primeiros gobernos da autonomía. Deseguido, Giulia Quaggio, da Universidad Complutense de Madrid, ofrecerá unha reflexión sobre “cultura e democracia política en España”. Pola tarde haberá unha mesa redonda moderada polo historiador e expresidente do CCG Ramón Villares, na que Pablo González Mariñas, exdeputado de Coalición Galega e do Bloque Nacionalista Galego, profundará no deseño estatutario das institucións culturais; Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria de exposicións, abordará a relación entre arte e equipamentos, e Marcos Lorenzo, técnico de Cultura do Concello de Ferrol, ofrecerá unha panorámica das políticas culturais no marco galego.

A celebración
A xornada é un epílogo do foro Pensar o mundo dende Galicia, no que unha vintena de relatores, entre os que se atopan Remedios Zafra, Emili Prado, Peter A. Kraus ou Jesús Villacañas, abordaron ao longo deste 2023 temas como o papel do galego nas sociedades multilingües, a calidade da democracia, o humanismo e a tecnoloxía ou o futuro da comunicación; cuestións candentes no mundo actual que o CCG propuxo analizar nun formato que leva empregando corenta anos para estudar problemas e inquedanzas da sociedade galega.


A celebración do 40º aniversario contou tamén cun acto institucional, realizado o 7 de xullo, no que se renovou o compromiso coa defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. A parte máis festiva tivo lugar o pasado venres no Palacio da Ópera da Coruña, cun concerto-homenaxe a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia, o seu coro e o barítono coruñés Javier Franco. Nel estreouse a cantata Terra, composta expresamente para a ocasión por Juan Durán, que a cedeu de xeito gratuíto ao CCG.