----

Inaugurada na universidade eslovaca de Nitre a mostra Afonso X e Galicia

A exposición Afonso X e Galicia chega á Univerzita Konštantína Filozofa de Nitre, Eslovaquia, onde foi inaugurada polo seu reitor, Libor Vozár; a vicerreitora de relacións institucionais, Martina Pavlíková; máis o agregado de educación da embaixada de España en Eslovaquia, Joaquín Támara. Á inauguración asistiu un grupo de alumnos de diferentes departamentos desa universidade; o decano de la Facultad de Filosofía, Martin Hetenyi; e o decanato e director comercial de Gestamp en Eslovaquia. A mostra estará aberta ata o 29 de febreiro.

É unha nova itinerancia internacional deste proxecto que busca amosar unha faceta pouco coñecida do Rei Sabio. A mostra tamén convida a coñecer a súa influencia a través de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra xa se puido ver en Bratislava (Eslovaquia), Cracovia (Polonia), Rio de Janeiro e São Paulo (Brasil); así como nas cidades italianas de L’Aquila e de Roma e pecha as súas portas este mércores en Peruggia.

A mostra non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana e a segunda está orientada a ofrecer a vida e os conflitos persoais do monarca. A continuación, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do seu obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. Deseguido, o cuarto espazo está dedicado á música e os instrumentos medievais, coas distintas reproducións chegadas de diferentes lugares. A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa María, está presente neste bloque cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web no que se aloxan textos recitados, música e outras informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.