“A idea de editar a presente guia xurde da crenza de que se ben hoxe existe unha maior información sobre temas relacionados coa muller esta, ás veces, é confusa e contraditoria e non sempre veraz e obxectiva”, sublíñase na introdución da Guia básica para mulleres. Editada en formato folleto, a publicación constaba dun primeiro apartado sobre temas relacionados coa sexualidade e saúde das mozas. Co fin de paliar a “desinformación” ou “mala-información” que existía nesta materia, incluíanse explicacións sobre os métodos anticonceptivos, as infeccións de transmisión sexual ou a menstruación.
Xunto coa sexualidade, ao longo das dezaseis páxinas que conforman a publicación tamén se abordaban os dereitos das mulleres no ámbito da xustiza. A modo de “pequenos apontamentos absolutamente necesários á hora de acoder ao aparatoso, costoso e lento mundo xudicial”, tal e como se indica na guía, explicábase o procedemento para solicitar un avogado de oficio, para obter o divorcio e para realizar unha denuncia por malos tratos ou agresións.
Por último, no folleto abordábanse outras cuestións vinculadas co emprego. En concreto, indicábanse algúns dos principais cambios lexislativos derivados da reforma laboral de 1994 e reivindicábase o dereito ao traballo das mulleres e das persoas novas.
Sextina
Sextina é un proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Ten como obxectivo dar visibilidade a aqueles libros, folletos ou documentos que compoñen os fondos do CDIF e que se consideran de especial interese, ben pola súa rareza, ben por seren pouco coñecidos debido á súa antigüidade, tipoloxía, forma de produción, procedencia ou xeito de difusión. Cada seis meses, e dende novembro de 2020, a Sextina incorpora unha nova publicación. A mulher hoje (1983), considerado como un dos primeiros documentos sobre educación non sexista publicados en Galicia; a Carta dos dereitos da muller traballadora (1983), folleto para reclamar a eliminación das discriminacións legais e a igualdade de oportunidades entre sexos, ou As mulleres tamén temos algo que decir sobre as eleccións (1982), no que se recollen unha serie de esixencias destinadas a erradicar a discriminación das mulleres, son algunhas das obras que conforman o proxecto.


