NOTICIA

----

Inaugurada en Miño a mostra que rende homenaxe a Antón Crestar e á emigración galega en Uruguai

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; e o cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero; xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inauguraron hoxe en Miño a mostra 'Miñenses no Uruguai: Homenaxe a Antón Crestar'. Trátase dunha dobre homenaxe: aos veciños deste concello que emigraron a Uruguai e a Antón Crestar, un dos grandes expoñentes da emigración galega no Uruguai no século XX. Rosario Álvarez destacou a importancia da colaboración cidadá nesta mostra “que nos permite, non só construír a historia de todos eles e renderlles homenaxe, senón tamén coñecer a historia do país”. Mentres tanto, Miranda incidiu en que “é un espello do legado e a resiliencia da comunidade galega en Uruguai, reflectindo nosa rica historia e cultura transatlántica”. A mostra, comisariada por Pilar Cagiao, estará aberta ata o 10 de xaneiro.

Na inauguración estaba presente tamén Catalina Morado, concelleira de Educación, Cultura, Comunicación, Participación Cidadá, Transparencia e Igualdade, e Mercedes Ponte, descendente de Crestar, que interviu para agradecer a homenaxe. "Miñenses no Uruguai. Homenaxe a Antón Crestar" é, en palabras de Pilar Cagiao, "unha modesta exposición que rende homenaxe á figura de Crestar como principal expoñente do galeguismo no Uruguai, pero tamén para reflexar o movemento migratorio que houbo entre esta localidade coruñesa e o país americano entre o século XIX e a segunda metade do século XX". Un movemento migratorio caracterizado por ser numeroso e continuado, repleto de idas e voltas.

A mostra, que se pode ver no Auditorio do Centro Social de A Rúa (Miño), foi realizada coa contribución das familias miñenses e con fondos do Arquivo da Emigración Galega. Nela pódense ver pinturas, esculturas e outros obxectos artísticos feitos por Crestar, que gardaban os propios miñenses, e nos que destaca un documento mecanografado redactado polo propio Crestar antes do seu pasamento, no que detalla as condicións da súa primeira viaxe a Uruguai. Tamén se pode ver unha serie de debuxos de José María Monterroso Devesa. Ademais, no espazo que documenta a emigración miñense no Uruguai, hai unha ampla colección fotográfica dos emigrantes que foron e retornaron, así como obxectos de recordo traídos de Uruguai (mates, pezas de xade, etc.).

Convenio de colaboración
Esta exposición é o resultado dun convenio de colaboración asinado en marzo pasado entre o Consello da Cultura Galega e o concello, co fin de poñer en valor a figura de Antón Crestar e o seu papel na emigración en Uruguai, cando se cumpren corenta anos do seu pasamento. O acordo tamén contempla o desenvolvemento de publicacións e produtos dixitais para promover o coñecemento público sobre Antón Crestar, a dixitalización ou o intercambio de documentación entre entidades colaboradoras. Ademais, a sinatura do protocolo contempla a creación dunha comisión mixta, integrada por dous representantes do Concello de Miño e outros dous do Consello da Cultura Galega, para coordinar as actuacións previstas e garantir o cumprimento do convenio.

Antón Crestar, escultor defensor da cultura autóctona
Antón Crestar Faraldo naceu en Telle (Miño) en 1896 e, sendo menor, emigrou a Uruguai, onde se estableceu de xeito permanente. En Montevideo foi un dos fundadores da Irmandade Galega do Uruguai. Ademais, presidiu o xerente da Escola Galega e do Centro Galego. Crestar estudou na Escola Nacional de Belas Artes e dedicou a súa vida profesional á Escultura. En 1973 foi galardoado co premio Vieira de Prata e en 1982 foi nomeado fillo predilecto de Miño. Un ano despois, morreu en Montevideo aos 87 anos.