NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma a biografía da química Elisa Díaz Riva

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, incorpora a entrada de Elisa Díaz Riva (Santiago de Compostela, 1914 – Cidade de México, ?). Química de formación, dedicou a súa vida profesional ao ensino, primeiro en Barcelona e, posteriormente, no exilio en México. A súa é un “exemplo de carreira truncada por culpa da Guerra Civil e a posterior ditadura”. Así o subliña a autora da súa biografía, Carlota Guede Pujales.

Nada en Santiago de Compostela, Elisa Susana Agustina Díaz Riva criouse no seo dunha familia cun alto nivel formativo. Tras cursar o bacharelato oficial e obter o premio extraordinario, ingresou en 1930 na Universidade de Santiago de Compostela para estudar Química. Licenciouse catro anos despois e, a finais de 1934, foi nomeada axudante de prácticas. “A materia na que traballa é Física Experimental na, daquela, Facultade de Ciencias, durante 1935 e 1936”, explica Carlota Guede Pujales na súa biografía, un labor que combinou coa impartición de clases prácticas no Departamento de Bioloxía. Unha vez concluída a súa formación, gañou unha praza de profesora de Física e Química no Instituto de Educación Secundaria Pi i Margall (Barcelona). Porén, como na institución a docencia se daba en catalán, Elisa Díaz Riva optou por trasladarse ao Instituto de Badalona.

En 1937 casou co tamén químico Laureano Poza Juncal, mais as súas “carreiras docentes víronse truncadas cando, en plena Guerra Civil, Laureano foi depurado do seu posto de profesor na Escola Superior de Traballo de Vigo”, continúa a autora da súa biografía. O matrimonio decidiu exiliarse a México e, en 1939, partiu no barco Ipanema cara ao porto de Veracruz. Xa no país de acollida, Elisa Díaz Riva cursou os estudos de Técnica en Laboratorio Clínico na Universidad Femenina e, posteriormente, traballou como docente de ensino secundario das materias de Química Xeral, Química Inorgánica e Química Orgánica. “Ao mesmo tempo, dedicouse á filosofía esotérica” e mesmo formou parte “dunha asociación na que ocupou importantes cargos”, apunta Carlota Guede na súa entrada.
Elisa Díaz Riva non regresou de México, onde faleceu nunha data da que non hai rexistro.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Francisco Pillado Mayor, Ángel Rodulfo e Lino Braxe, e unha actualización da biografía de Luísa Villalta.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.