NOTICIA

----

A entrada do artista Xosé Conde Corbal incorpórase ao Álbum de Galicia

Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 – Vilagarcía, 1999) foi un destacado debuxante e pintor cunha fecunda traxectoria, entre a que se contan máis de 1700 gravados e outras tantas pinturas. Acadou unha gran sona grazas á serie de carteis que realizou en homenaxe aos intelectuais da xeración Nós, aínda que sobresaíu tamén cunha produción artística na que captou o urbanismo tradicional das cidades e o mundo da natureza. Foi “o pintor das esencias da terra”, subliña Afonso Vázquez-Monxardín. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Xosé Conde Corbal no Álbum de Galicia

Nado en Pontevedra, Xosé Conde Corbal iniciou dúas carreiras en Santiago de Compostela antes de trasladarse a Madrid para estudar Maxisterio. A súa foi unha vida “de moitas ilusións”, mais tamén de “moitas reviravoltas laborais”, subliña Afonso Vázquez-Monxardín. De feito, foi industrial de cerámica, colaborador de prensa, empregado dunha empresa química, xerente dunhas minas de volframio no sur de Ourense e proxectista de vidreiras.

A finais da década de 1950 introduciuse no ámbito da pintura, unha profesión á que, desde ese momento, se dedicou plenamente. En 1958 realizou no Liceo de Ourense a súa primeira exposición, coa que acadou un grande éxito. A mostra foi posteriormente exhibida en Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e, de novo, no Liceo ourensán en 1960. Ao ano seguinte, expuxo no Museo Arqueolóxico unha colección de corenta acuarelas e colaborou con Ferro Couselo na Exposición Internacional de Arte Románica. Ademais, participou “en varias exposicións colectivas de artistas ourensáns” tras entrar “en contacto cos novos valores emerxentes da arte local, como Virxilio, Xaime Quessada, Xose Luís de Dios ou o escultor Acisclo Manzano”, indica Afonso Vázquez-Monxardín.

O ano 1960 marcará, así mesmo, o inicio das súas colaboracións no xornal La Región, para o que traballou ilustrando diversas seccións fixas da cabeceira, como “En busca del Orense perdurable”, de Vicente Risco, ou “Del Orense antiguo”, de Otero Pedrayo. Ademais, as súas imaxes acompañaron moitos dos artigos culturais que se publicaron no complemento dominical Artes y Letras. Xunto con La Región, colaborou con outras cabeceiras, entre as que cómpre mencionar Faro de Vigo e Diario de Pontevedra.

“A inmensa produción pictórica e debuxística de Conde Corbal combinará varias técnicas e soportes —augadas, acuarelas, óleos, gravados, linóleos, murais— con liñas temáticas moi definidas dentro dunha estética moi orixinal”, subliña Vázquez-Monxardín. Entre os eixes temáticos da súa obra, sobresaen fundamentalmente tres: o urbanismo tradicional das cidades, en especial de Ourense e Pontevedra, e dos monumentos localizados en diferentes provincias galegas; as angustias da guerra que viviu cando era neno e que plasmou na serie “O fardel da guerra” (1980), e a captación do mundo da natureza, da súa flora e da súa fauna.

“Tamén lle darán moita sona a serie de carteis homenaxe aos persoeiros da xeración Nós publicados en Ourense en 1975 en colaboración co Ateneo de Ourense”, nos que “populariza imaxes icónicas dos seus protagonistas (Castelao, Otero, Risco, Cuevillas, Cabanillas, Losada Diéguez ou Arturo Noguerol) xunto con frases de referencia de cada un deles”, explica o autor da súa biografía. Nela tamén destaca o labor de Conde Corbal “como cartelista e muralista turístico”, que se concretou nunha serie de “mapas debuxados cos recursos monumentais e naturais” de Galicia, dalgunhas das súas provincias (Ourense e Pontevedra) ou de zonas concretas como a Ribeira Sacra, a Baixa Limia ou a ría de Arousa.

Desde mediados da década de 1970, Xosé Conde Corbal explorou “unha nova liña dentro dos grandes formatos”: os murais ou “retábulos de personaxes coñecidos”, en palabras de Vázquez-Monxardín, entre os que destaca o tríptico A Alba da Gloria de Castelao e a obra A peña do parque.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Fely Manzano, José Gil Gil, Francisco Javier Río Barja e Elisa Díaz Riva.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.