Tanto as Tanxugueiras, coa súa participación no Benidorm Fest, como O Son do Camiño xa obtiveran posicións destacadas no ano 2022, cun 21,1% e un 10,4% da mostra respectivamente. En xeral, o ámbito musical acada importantes referencias, como o dúo Fillas de Cassandra (1,5%) ou Leilía e a súa xira de despedida (1,2%). No ámbito audiovisual destacan tamén figuras individuais como Luis Tosar (1,4%) ou Luis Zahera (0,9%), así como outras mencións “en relación coa crecente importancia da visibilidade e recoñecemento deste ámbito da cultura”, como a Academia Galega do Audiovisual e os Premios Mestre Mateo (1,1%), ademais doutros festivais ou os contidos en galego das plataformas.
As diferentes programacións e os festivais ocupan tamén unha posición relevante, como os eventos culturais do Camiño de Santiago (4%), aínda que menor comparado co Xacobeo (22,3%) e ao mesmo nivel que a programación da Cidade da Cultura (4%).
Na mostra destaca tamén a presenza dos premios literarios, con Yolanda Castaño ou Paula Carballeira e o seu Premio Nacional de Literatura Dramática (2%), así como a relevancia singular de autores como Ledicia Costas (0,7%) ou Arantza Portabales (0,3%).
No plano das artes visuais destaca a “Celebración Picasso 1973-2023”, en referencia á exposición Picasso branco no recordo azul do Museo de Belas Artes da Coruña (1,8%), e tamén as exposicións da Fundación Marta Ortega, sobre todo a de Helmut Newton (1,6%), e as exposicións Cidades no tempo (0,7%).
A investigación
Os datos corresponden ás respostas de 960 entidades do sector cultural, que ofreceron 1314 respostas recollidas entre o 15 de xaneiro e o 9 de febreiro de 2024. Na enquisa, entre outras cuestións, preguntouse polos “tres eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis salientables da cultura galega do ano 2023”. A recompilación das respostas a esta pregunta que se publica hoxe é un avance dos resultados dunha nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, que o CCG realiza con carácter anual desde 2020 e que ten como obxectivo facer unha “diagnose avaliativa que permite retratar a situación, evolución, eivas, fortalezas e perspectivas das entidades culturais galegas”.
O documento completo pode consultarse aquí:
https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4496