Nas últimas décadas, no marco de grandes obras realizadas tanto a nivel público como privado, teñen saído á luz diferentes xacementos invisibles. É este un tipo de patrimonio que, ben polas súas características, ben pola cultura material que os acompaña, resulta difícil de identificar a simple vista, aínda que o avance nas técnicas de teledetección (fotografía aérea, de satélite, LiDAR, prospeccións xeomagnéticas…) contribuíu de xeito importante ao seu recoñecemento e descuberta. Algúns destes xacementos adscríbense á Protohistoria, á época romana ou á posclásica, aínda que moitos deles se enmarcan na Prehistoria recente, polo que o seu achado resulta imprescindible para renovar o coñecemento arredor deste período histórico na comunidade galega.
Porén, as características propias dos xacementos invisibles (contexto de aparición, fraxilidade, problemas de conservación, etc.) requiren reflexionar sobre o que se pode e debe facer con eles, tanto desde o punto de vista metodolóxico e da investigación como no que atinxe á súa salvagarda. A nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural reúne unha serie de especialistas para analizar a problemática que afecta a este tipo de patrimonio e debater como se pode contribuír á súa localización, protección e correcta preservación.
O programa
A xornada comezará cos relatorios de Pilar Prieto Martínez e Antonio Martínez Cortizas, investigadora e coordinador do grupo EcoPast da Universidade de Santiago de Compostela (USC), respectivamente. No caso de Prieto Martínez, realizará unha revisión dos xacementos invisibles da Prehistoria en Galicia, mentes que Martínez Cortizas afondará en como se invisibiliza este tipo de patrimonio. Após as súas intervencións, desenvolverase a mesa de debate “Localizar, conservar, protexer, legar. Que facemos co patrimonio non visible?”. Moderada por Rebeca Blanco-Rotea, contará coa participación de Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Xunta de Galicia), e mais de César Parcero Oubiña e María Martín Seijo, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que se organiza con carácter periódico desde o ano 2015, ten como obxectivo analizar e caracterizar os bens patrimoniais, así como poñer o foco na formulación de tipos de protección deses bens e nas iniciativas postas en marcha para a súa divulgación e socialización. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas, as igrexas medievais, o casco vello de Vigo, o patrimonio da transición democrática ou o impacto cultural dos encoros centraron sesións anteriores do ciclo.
Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Teresa Nieto, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.



