Manuela Rey, María Casares, Maruxa Villanueva ou Dorinda Rodríguez foron algunhas das intérpretes galegas que emprenderon o camiño da emigración ou do exilio durante os séculos XIX e XX. Malia que contribuíron a crear un importante patrimonio teatral no exterior, existen poucos estudos que profunden nas súas traxectorias e proxectos artísticos. Co fin de dar visibilidade á súa vida e obra, a xornada reúne diferentes especialistas para analizar o legado cultural destas creadoras, o impacto que tiveron na escena teatral a nivel local e internacional e a súa influencia na configuración de identidades culturais diaspóricas.
O programa
A xornada comezará coa mesa redonda “Manuela Rey, da actriz á personaxe”, na que intervirán Paula Ballesteros, actriz, arqueóloga e colaboradora do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); Mariana Carballal, creadora escénica e audiovisual e docente na Universidade de Vigo, e o escritor Antonio Reigosa. Moderará as súas intervencións a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, Cristina Domínguez Dapena.
A sesión continuará coa mesa de relatorios “Creadoras escénicas galegas da diáspora”, que estará conducida pola escritora e integrante do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG Inma López Silva. Abriraa Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes (Universidade da Coruña), cunha intervención que leva como título “Ser actriz na comunidade galega de Bos Aires nas décadas centrais do século XX”. A continuación, a xornalista e xestora cultural Arancha Estévez Lavandeira afondará na biografía da actriz María Casares e no seu exilio en Francia, mentres que María del Carmen Lorenzo Vizcaíno (Real Filharmonía de Galicia e Universidad Internacional de La Rioja) se centrara no caso da cantante lírica Dorinda Rodríguez.
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García. Entre as actividades da Sección, cómpre destacar a produción dos proxectos audiovisuais Memoria do teatro galego na Transición e O que pode a danza.


