NOTICIA

----

O CCG publica unha conferencia de Pedro Echevarría sobre o Negra sombra de Juan Montes

O Consello da Cultura Galega publicou hoxe no seu web unha nova entrega das Caligrafías Musicais, a serie de conferencias de expertos sobre o patrimonio musical galego que recupera fondos pouco coñecidos do Arquivo Sonoro de Galicia. Desta volta, incorpórase unha intervención do folclorista Pedro Echevarría Bravo, realizada en Ferrol en 1984, onde dá conta dos paralelismos entre Negra sombra, a composición musical de Juan Montes inspirada no poema de Rosalía de Castro, e a danza prima asturiana. A conferencia xa está accesible no web do Consello da Cultura Galega.

Escoita a conferencia en Caligrafías musicais

Entre 1951 e 1960, o folclorista burgalés Pedro Echevarría Bravo percorreu Galicia recollendo preto de 1400 cancións de tradición oral, dentro das Misións Folclóricas organizadas polo Instituto Español de Musicoloxía do CSIC. Tamén participou activamente da vida musical como director de bandas como a de Santiago de Compostela. Nesta conferencia, Echevarría céntrase nunha das composicións máis célebres do Rexurdimento musical galego, o Negra sombra do lugués Juan Montes, no que se elaborou o coñecido acompañamento musical do poema de Rosalía de Castro. Echevarría estudou a proximidade entre a primeira cuarteta do Negra sombra e a danza prima asturiana, un dos cantos máis tradicionais da comunidade autónoma veciña.
A conferencia, dunha hora de duración, inclúe referencias eruditas sobre a obra de Montes e as posibles influencias de compositores asturianos como Anselmo González del Valle. O documento sonoro pertence á colección Caixa Galicia-Ferrol e custódiase no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.