O Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), desenvolve un labor continuado a prol da preservación e comunicación do patrimonio documental producido polo movemento feminista. Debido á relevancia que para o seu estudo teñen os fondos da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, o CCG promoveu un acordo coa entidade para realizar conxuntamente un proxecto de dixitalización e difusión do seu arquivo documental.
A Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria foi constituída en 1996 co obxectivo fundacional de evitar a discriminación das mulleres no seo da sociedade en xeral e no ámbito eclesiástico en particular. Dende a súa creación, buscou concienciar arredor da situación na que vivían as mulleres dentro da Igrexa e traballou para que fosen recoñecidas como membros de pleno dereito, ao tempo que procurou potenciar a cultura e a lingua galega. Destas tarefas dan conta os materiais editados pola agrupación, que, en virtude do acordo de colaboración asinado, pasarán a integrar diferentes fondos hemerográficos e bibliográficos xestionados polo CDIF.
Entre eses documentos figuran catro libros publicados pola asociación; catorce números do seu boletín, difundidos entre os anos 1998-2002 e 2002-2004, mais os dous exemplares extraordinarios (un en galego e outro en inglés) que se editaron en 2003 sobre o desastre do Prestige. A agrupación doou tamén os vinte números da revista Exeria (2004-2016) e cinco cadernos de formación elaborados durante os anos 2001 e 2004, nos que se abordaban temas como a cristoloxía feminista, o crecemento humano e a identidade das mulleres ou o ecofeminismo.
A estas publicacións hai que sumar os materiais e documentos internos que a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria cedeu para a súa dixitalización e comunicación pública, pero que, a diferenza dos anteriores, continuarán a ser custodiados pola propia entidade.



