NOTICIA

----

Vidas paralelas arrinca en Lisboa cunha revisión das traxectorias de Leite de Vasconcelos e Martínez Salazar

José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923) foron dous pioneiros dos estudos filolóxicos en Galicia e Portugal, destacados polo seu compromiso, valía e legado, aínda que tiveron recoñecementos diferentes. Mentres o primeiro é ben coñecido, o segundo pasou desapercibido. Estiveron conectados a través dunha relación epistolar que foi analizada por outros dous recoñecidos filólogos contemporáneos, Ivo Castro e Henrique Monteagudo. Sobre estas semellanzas e concomitancias falarán este xoves en Lisboa (Faculdade de Letras, 18:00 horas —de Portugal—) na sesión inaugural de Vidas paralelas, proxecto que poñen en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Lisboa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará en Lisboa este ciclo, que terá carácter bianual.

A primeira sesión presencial de Vidas paralelas busca pór de relevo a propia fundación da Cátedra de Estudos Galegos en Lisboa e dar protagonismo ao campo académico filolóxico, ao que inicialmente se vencella esta cátedra, a través do seu primeiro director-fundador, o profesor e doutor Ivo Castro, catedrático da Universidade de Lisboa. Canda el estará o profesor e doutor Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No coloquio non só comentarán as traxectorias académicas e vitais conxuntas de Ivo Castro e Henrique Monteagudo, senón que ademais artellarán unhas «vidas paralelas» dentro doutras: a relación epistolar entre as históricas personalidades de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923).


Ademais, desde a semana pasada xa están dispoñibles no web as entrevistas aos dous relatores. Nunha delas, a profesora Ana Sánchez Tarrío entrevista a Ivo Castro nunha conversa que se achega á vida académica do entrevistado e á súa relación cos investigadores e intelectuais galegos. Na outra, Xosé Antonio López Silva entrevista a Henrique Monteagudo e céntrase na súa evolución investigadora e intelectual, nos grandes temas do seu traballo científico e na súa relación coa universidade portuguesa.

O formato de Vidas paralelas
A Cátedra de Estudos Galegos (Faculdade de Letras, Universidade de Lisboa), en colaboración co Consello da Cultura Galega, puxo en marcha esta iniciativa que se constrúe en dúas etapas. A primeira ten formato web e consiste na publicación de dúas entrevistas individuais que procurarán deliñar un itinerario biográfico que comporte certo autorretrato intelectual, con particular incidencia nos vencellos entre as dúas personalidades seleccionadas. A segunda etapa será presencial e desenvolverase na Universidade de Lisboa, na que se realizará un encontro-coloquio entre dúas personalidades, co fin de propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués e as súas circunstancias históricas específicas, pero tamén a súa evolución no tempo ata a actualidade. Os coloquios realizaranse en diversos espazos de Lisboa vencellados á Cátedra de Estudos Galegos ou cedidos na cidade no ámbito da colaboración institucional con esta.


Tanto as entrevistas como os coloquios quedarán gravados e á disposición do público interesado nos espazos web do Consello da Cultura Galega e da Cátedra de Estudos Galegos, co ánimo de ir constituíndo un acervo valioso que se converta nun lugar de memoria sobre as relacións históricas e culturais entre Galicia e Portugal.

A seguinte sesión previstas de Vidas paralelas está programada para o mes de maio e abordará cuestións arqueolóxicas.