O Consello da Cultura Galega organizou este mércores no marco do congreso da AIEG unha sesión de relatorios arredor do repertorio lírico-medieval no que participaron Antoni Rossell, que falou da interpretación, actualización e transmedialidade na música medieval actual; Belén Bermejo que ofreceu apuntamentos sobre a evolución na interpretación do repertorio lírico medieval á luz de setenta anos de rexistros fonográficos; e Luciano Pérez Díaz, cunha intervención titulada"A descuberta da Artesanía Intricada dos mestres pedreiros".
Ademais, o día 20, no Centro Cultural Vila Flor, a presidenta do CCG participar´ na conferencia plenaria "A Galiza e a Lusofonía, e viceversa. Unha conversa".
Afonso X e Galicia
No marco do congreso tamén tivo lugar a apertura dunha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia. A presidenta, Rosario Álvarez; a vicereitora da Universidade do Minho, Joana Aguiar; o comisario da mostra, Antoni Rossell; o presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Carlos Pazos, inauguraron esta mostra que se pode ver ata o 19 de maio no Edificio dos Congregados.
O proxecto foi deseñado en 2019, cando se cumpría o 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio e buscaba visibilizar a conexión coa Galicia de Afonso X. Faino a través das Cantigas de Santa María pero tamén doutros nexos máis profundos, ademáis de amosar un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. A exposición non segue un relato cronolóxico, senón que busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana, para dar a coñecer a súa vida e os seus conflitos. Nela tamén se profunda no seu labor científico, histórico e cultural.
A mostra, que comezou en Santiago de Compostela, suma mais dunha ducia de itinerancias nacionais e internacionais por cidades como Lugo, Ourense, Cracovia e Roma ou, máis recentemente, Bratislava (Eslovaquia), Perugia (Italia) e Río de Xaneiro (O Brasil), Nitra (Eslovaquia), Boloña (Italia), Barcelona (España) e Salvador da Bahia, entre outras.
O XIV Congreso da Asociación de Estudos internacionais
O congreso, que se desenvolve ata o sábado 20, busca crear un espazo para a reflexión sobre a relación entre Galicia e os estudos galegos e a denominada lusofonía, que abrangue o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués. Relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico.
Pecha o programa reedición da gala aRi[t]mar 2023, no que volverán soar as cancións gañadoras da edición do pasado ano -o Lisístrata de Fillas de Cassandra- e o Maçãzinha, de Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle- e os poemas máis votados -Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados, da ourensá Arancha Nogueira e Se de repente perto fosse um verbo, da barcelense Maria Isabel Fidalgo.