A presidenta do CCG destacou na presentación que “no programa demos cabida a moitos dos afectos que ela cultivou: Florian Vlashi tocou a Partitura en re menor de Bach que soou no acto de despedida da escritora en San Amaro; Ana Pillado é autora da imaxe gráfica que empregamos no concerto e as músicas elixidas teñen moito da autora no que tivemos en conta a súa personalidade”. Pola súa parte, Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade no Concello da Coruña, incidiu no compromiso do Goberno de Inés Rey para impulsar “unha programación cultural acorde ao que representa o legado literario de Luísa Villalta para a cidade, pola súa implicación social e tamén polo fondo coñecemento que tiña da identidade dos nosos barrios, cuestións que plasma na súa obra". Susana Villalta, acompañada da súa nai, agradeceu a homenaxe que “une as dúas grandes paixóns de Luísa: a música e a literatura”.
O concerto, que se emitirá en directo no web do CCG e no prime time da TVG2 o día 17 de maio, xira arredor da faceta musical de Luísa Villalta. A peza principal é unha ópera de cámara titulada Concerto para un home só, baseada na obra homónima da escritora homenaxeada que conta coa participación de Xosé Barato. É a encarga que o CCG realiza a un compositor galego sobre unha obra da figura elixida para conmemorar o Día das Letras Galegas. No caso de Villalta, a encarga recaeu no coruñés Federico Mosquera (A Coruña, 1986), que non estivo na presentación xa que se encontra en Rotterdam como artistic research coach na Codarts University for the Arts.
Ademais, as dúas obras que conforman a primeira parte do programa tamén están directamente relacionadas co texto Concerto para un home só, xa que, por unha banda, o Concerto grosso op. 3 nº 11 de Vivaldi aparece mencionado de xeito expreso no texto de Luísa e, pola outra, a Partita nº 2 en re menor de Bach é o tema principal do segundo traballo do programa, 𐐒B - Bachian reflex de Edmond Buharaja, que tamén é unha estrea absoluta. Esta peza de Bach era unha das favoritas de Luísa, que sempre a tocaba co violín e a citou nos seus textos. “Visto deste xeito, o concerto é como unha completa obra de arte de principio a fin”, explicou Florian Vlashi.
“Será unha noite intensa e inesquecible, entre o real e o irreal. A presenza de Luísa será ‘o terceiro son’, xa que escribe: ‘O terceiro son sobrevén nos momentos breves pero intensos de harmonía’. Non é real. É puro", apuntou Florian Vlashi.
Os protagonistas desta edición
O concerto corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, a formación de música contemporánea máis antiga de Galicia. Interpretan obras de música de cámara desde o principio do século XX ata os nosos días e os seus membros son instrumentistas solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. Proveñen de máis de dez países diferentes e todos eles contan cunha dilatada experiencia e cun labor profesional de alto nivel neste campo. Dende a súa creación, o 8 de abril de 1997, interpretaron as grandes obras do século XX, e tamén do XXI. Na súa traxectoria destaca a estrea de 193 obras españolas, principalmente de compositores galegos, facendo así un gran servizo á creación musical no noso país.
O grupo está dirixido por Florian Vlashi (Durrës, Albania, 1963). Violinista precoz formado en Albania, é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia desde 1992 e perfeccionou a súa formación con G. Egger (Bachakademie Stuttgart) e L. Müller (concertino da Orquestra de Cámara de Viena). A súa actividade esténdese á pedagoxía, con publicacións sobre a estética interpretativa e actividades como conferenciante (Conservatorio Superior de Música da Coruña, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de La Rioja etc.). Socio protector da Asociación Galega de Compositores desde 2002, é creador, director e intérprete. Actualmente exerce como profesor do Departamento de Cordas no Conservatorio Municipal de Música Carlos López García-Picos de Betanzos, no que dirixe a Camerata Brigantina, a xove orquestra de cámara de Betanzos. Os seus concertos foron retransmitidos por Radio Clásica de Radio Nacional de España, por La 2 de Televisión Española e por TVE Internacional.
O baixo-barítono Daniel Mosquera comezou a súa formación musical estudando piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no que obtivo o título profesional en 2010, e formándose privadamente coa pedagoga Mercedes Goicoa. Paralelamente aos seus estudos musicais, obtivo o Grao en Dereito no ano 2015. Formou parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, co que participou en numerosas producións de ópera e concertos sinfónicos con directores como Lorin Maazel, Ton Koopman, Richard Egarr, Eliahu Inbal, Jesús López Cobos ou Alberto Zedda, entre outros.
Federico Mosquera é pianista e compositor, e as súas obras téñense tocado en España, Portugal, Francia, O Reino Unido, Italia, Estonia, Os Países Baixos, Cuba e A China. O seu catálogo inclúe música de cámara (na que destacan Ignis et Terra para quinteto de ventos, de 2015, encarga do CNDM e estreado polo quinteto Zoar, e Café Madrid 1916, encarga e estrea por parte de membros da ORCAM) e ópera de cámara (Cargamento de sueños, en 2017, encargado e estreado polo Damask Vocal Quartet). Actuou en importantes salas, como a Jurriaanse Zaal e a Grote Zaal de De Doelen (Rotterdam, Os Países Baixos), a Zeeuwse Concertzaal (Middelburg, Os Países Baixos) ou a Casa da Música (Porto, Portugal), así como en festivais, por exemplo Harmos Festival 2010, Festival Repeat 2011, Festival de Música de Cámara da Haia (2013), Festival Gergiev 2013 ou Festival de Dúos de Piano (2014) en Ámsterdam, tanto en calidade de solista como de músico de cámara.
O Concerto das Letras Galegas
É a segunda vez que o Concerto das Letras Galegas recala na Coruña, cidade que acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María a cargo de Milladoiro. Esta proposta deseñada polo CCG comezou en 2011 en Santiago de Compostela nunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 con María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses, na Coruña en 2016 honrando a Manuel María e en Ourense en 2017 coa figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. En 2023 volveu contar coa Real Filharmonía de Galicia, que foi a intérprete en dez das catorce edicións do Concerto das Letras Galega para homenaxear a Francisco Fernández del Riego.