Especialistas destacan a influencia que a Revolución dos Caraveis tivo en Galicia

“A revolución dos Caraveis sentiuse en Galicia máis perto que noutras zonas do Estado” apuntou Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega no marco da xornada “O 25 de abril e máis nós. Unha ollada galega” que el mesmo coordinou. Unha cita na que historiadores como Ramón Villares e Emilio Grandío (ambos da Universidade de Santiago) e Manuel Loff (Universidade de Braga) incidiron nas diferenzas e semellanzas entre os procesos de transición democrática en Galicia e Portugal. A xornada pechou coas lembranzas de Margarita Ledo e Arturo Reguera, protagonistas e testemuñas directas da revolución que cumpriu neste 2024 cincuenta anos.

A sesión arrincou coa intervención do historiador da Universidade do Porto, Manuel Loff, que partiu dos “vínculos moi especiais que Portugal e Galicia teñen de sempre”. Destacou que foi o contexto social e económico o que determinou “que o 25 de abril acabase por concretarse na gran revolución que foi”. Unha revolución que cualificou moi propia da súa época, que comparte eslóganes e características con o outras coetáneas e que estivo moi influída polas esquerdas francesas. A súa intervención tivo puntos de concomitancia coa de Ramón Villares, quen expuxo que unha das ideas claves das diferenzas entre ambos procesos é que en Portugal os militares xogaron un papel moi diferente do que en España. Como tamén o foi, na súa opinión, a organización do poder territorial. Villares perfilou que os procesos tiveron tamén outras diferencias. “En España houbo unha transición relativamente prevista sen saber moi ben como evolucionaría mentres que en Portugal foi inesperada” apuntou. Na súa opinión tamén influíu o diferente perfil dos dictadores ao asegurar que “Franco se sentía lexitimado política e moralmente polo feito de ter gañado unha guerra, mentres que Salazar era un dictador ilustrado que plantexou unha organización anómala”.


Na sesión da tarde, o investigador e xornalista Marcos Pérez Pena debullou como recolleu a prensa galega a revolución que se vivía en Portugal. “O interese que o 25 de abril espertou nos medios de comunicación galegos resultou abafador e sorprendente, tendo en conta que Franco aínda vivía e que Portugal estaba a vivir un proceso democratizador” apuntou. “A razón é que todas as información e opinións que se publicaban sobre Portugal, facíanse en clave española. En cada posicionamento dos medios estaba a facerse, en realidade, política interna” afirmou. Explicou como o proceso portugués ocupou as portadas o 26 de abril, e tamén o interior dos xornais, nos con longas crónicas diarias dos acontecementos. “Había fame por coñecer o que sucedía nun país en cambio, nun país en revolución, país que se cadra estaba a anticipar o futuro de España” afirmou Marcos Pérez Pena. Precisamente sobre este asunto xirou a intervención de Emilio Grandío, que aproveitou para amosar carteles relativos ao 25 de abril sacadaos do Fondo Miguel Gutiérrez. A súa intervención baseouse nos datos que se poden sacar do Foreign Office do servizo exterior británico respecto do proceso en España da Revolución dos Caraveis . “Había referencias explícitas pero menos das agardadas e que deben ser analizadas entreliñas e que nos permiten averiguar influencias de calado” apuntou. Na súa opinión “A revolta dos caraveis vai ter unha trascendencia en España” pero tamén para os servizos secretos que sempre entendero a península ibérica como un todo”.

As memorias
A xornada concluíu cunha mesa redonda na que participaron Arturo Reguera, que foi un dos organizadores do concerto en Santiago no que o Zeca Afonso interpretou por primeira vez o Grándola. Vila morena, o himno que prendeu a revolución portugesa; tamén Margarita Ledo, activista que se refuxiou en Portugal durante a dictadura; e Xosé Fortes, que explicou a súa relación directa co MCA.