NOTICIA

----

A publicación das Letras homenaxea a diversidade creativa de Luísa Villalta

Luísa Villalta: entender para vivir é a obra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración da figura homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta publicación, que “naceu como un espazo para o diálogo entre a obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra”. Pola súa parte, Dolores Vilavedra, coordinadora do volume, destacou que son unha colección de textos que “amosan ben a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como poucos na nosa historia”. A publicación foi presentada nun acto ao que asistiu a familia de Luísa Villalta, representada na mesa pola súa irmá Susana, quen agradeceu a homenaxe, e Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega (RAG), quen destacou que “este volume coincide coa achega diversa e comprometida da autora”. A obra xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

“Luísa entendía a literatura como unha construción comunal”, explicou Dolores Vilavedra na presentación, e o CCG apelou a ese parecer para convocar figuras referenciais das nosas letras que “teñen en común o feito de achegárense, nalgún momento das últimas décadas, á Luísa Villalta escritora e á súa obra”. Forman parte deste volume Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga Do Val, Eva Veiga e Miro Villar. Cada un deles partiu dun texto da obra de Villalta para crear outra peza que constitúe un diálogo polifónico co seu legado.

Diálogo polifónico coa obra
“Entender ou vivir? É a pregunta hamletiana que Luísa lanzou na súa obra Ruído e que nos serviu para darlle título a esta publicación”, apuntou Dolores Vilavedra na presentación. Foi tamén a idea sobre a que convocaron as dezaseis colaboracións (quince textuais e unha plástica) que lembran o “precursor e versátil” do seu legado porque, “malia que Luísa é coñecida como poeta, non deixou de explorar outros xéneros como a narrativa ou o ensaio”, afirmou Vilavedra.

Vicente Araguas e Miriam Ferradáns partiron de diferentes poemas de Papagaio, obra póstuma de Luísa Villalta sobre a derruba do barrio da prostitución da súa Cidade Alta que escribiu para as fotos de Maribel Longueira.

O primeiro poemario de Villalta, que editou Ediciós do Castro en 1991, Música reservada, convoca a Chus Pato, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marga do Val, Estíbaliz Espinosa e Eduardo Estévez. No caso de Espinosa, a súa peza vai acompañada dun poema de Ruído, obra coa que tamén dialogaron Pilar Pallarés e Eva Veiga. A proposta de Eduardo Estévez partiu tamén do texto O estudo das sombras. Sobre Siléncio, ensaiamos construíron as súas pezas Francisco X. Fernández Naval e Xurxo Souto, quen incorporou a imaxe da dedicatoria que lle fixo a propia Villalta. A obra En concreto serviu a Xosé María Álvarez Cáccamo para o seu traballo, e Henrique Rabuñal inspirouse no texto que Luísa escribiu no primeiro número de CasaHamlet. Revista de Teatro, “As certezas de Ofelia”. Ademais dos quince textos hai tamén unha peza de creación artística realizada por Ana Pillado. Trátase da peza titulada Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada, que foi bordada á man por Ana Pillado sobre unha tea antiga gardada pola familia, sobre a que Ana realizou un acrílico. A imaxe de Ana Pillado é tamén a identidade visual do cartel do Concerto das Letras Galegas.

A publicación inclúe tamén un caligrama que a propia Luísa Villalta lle dedicou a Francisco Pillado, cedido polas súas herdeiras (Ana e Helena) para este libro de homenaxe que o CCG edita cada ano polo Día das Letras Galegas. A edición consta de 500 exemplares numerados e unha versión dixital que xa se pode descargar.

Concerto das Letras Galegas
Ademais da publicación, cada ano o Consello da Cultura Galega organiza o concerto institucional que abre, no serán do 16 de maio, os actos da celebración das Letras. Nesta ocasión a cita terá lugar no Teatro Colón da Coruña (20:30 horas) a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, que dirixe Florian Vlashi, cun programa pensado para destacar a faceta musical de Luísa Villalta. A peza que se estrea ese día, Concerto para un home só, é unha ópera de cámara baseada no texto homónimo que escribiu a autora. Foi composta por Federico Mosquera (A Coruña, 1986) expresamente para a ocasión e conta coa participación do baixo-barítono Ezequiel Mosquera, do actor Xosé Barato e da escenografía de As Dúas e Punto. Ademais, esa peza marca o resto do programa, porque no Concerto para un home só se menciona de xeito expreso o Concerto grosso, op. 3, nº 11, de Vivaldi, que abrirá o programa, e porque a Partita nº 2 para violín só de Bach, unha das favoritas de Luísa, é o tema principal do segundo traballo do programa, 𐐒B - Bachian reflex, de Edmond Buharaja, que tamén é unha estrea absoluta.

O concerto é de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do Teatro Colón, e poderase seguir en directo no web do CCG e no horario de máxima audiencia da TVG2 o día 17 de maio.

Ademais, no interese do CCG de que a celebración do Día das Letras Galegas se estenda máis alá do 17 de maio, o vindeiro día 30 de maio (18:00 horas) está programada unha conferencia arredor do pensamento de Luísa Villalta. Forma parte do Ciclo Pensarmos e contará coa participación de Eva Veiga, que dialogará con Francisco X. Fernández Naval.