NOTICIA

----

Alejo Amoedo é nomeado membro do Instituto de Estudios Vigueses

O pianista e doutor Alejo Amoedo acaba de ser nomeado membro de número do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), institución dedicada á recuperación, divulgación e estudo de diversos temas relacionados coa cidade olívica e a súa contorna. O ingreso tivo lugar no serán deste 14 de maio nun acto desenvolto no Museo MARCO de Vigo. Amoedo é membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), vogal da súa Comisión Executiva e director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG).

Alejo Amoedo incorpórase ao Instituto de Estudios Vigueses para desenvolver o seu labor como membro experto no ámbito musical. Doutor pola Universitat Politècnica de València e Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo, está especializado no repertorio de compositores e compositoras galegas. Na súa traxectoria suma máis de vinte traballos discográficos. Ademais, ofreceu numerosos recitais, entre os que destaca a estrea das obras de compositores como Rogelio Groba, Carlos López García-Picos ou Juan Durán.

Na actualidade pertence ao corpo de catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia, na especialidade de repertorio para piano con instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Así mesmo, forma parte do grupo de investigación Organistrum (Universidade de Santiago de Compostela), do colectivo cultural Pertenza e da Irmandade da Música Galega. É asesor da Fundación Reveriano Soutullo e, dende febreiro de 2024, académico numerario da sección de música da Real Academia Galega de Belas Artes.