NOTICIA

----

O Concerto das Letras Galegas estrea mañá a ópera Concerto para un home só sobre texto Luísa Villalta

Literatura e música son dúas facetas vencelladas á escritora e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. As dúas conflúen no programa da décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano conta co apoio do Concello da Coruña. O Teatro Colón acolle mañá (xoves 16, 20:30 horas) esta cita, que corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi. No programa, alén dos compositores preferidos da homenaxeada, estrearase a peza Concerto para un home só, baseada na obra homónima de Luísa Villalta, que o CCG lle encargou a Federico Mosquera (A Coruña, 1986) para a ocasión. O concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, tamén se poderá seguir en directo no web do CCG e nas plataformas da CRTVG.

O concerto arrincará co Concerto grosso, op. 3, nº 11, de Vivaldi, unha obra coñecida por Luísa Villalta e que aparece mencionada na súa peza teatral escrita en 1989 Concerto para un home só, sobre a que xira todo o programa. Deseguido interpretarase 𐐒B - Bachian reflex, composición de Edmond Buharaja, que tamén se estrea este xoves e o seu tema principal, Partita nº 2 para violín só de Bach, era unha das pezas que Luísa adoitaba tocar co violín.

A gran protagonista da noite é a estrea absoluta da ópera de cámara titulada Concerto para un home só, baseada na obra homónima da escritora homenaxeada. Trátase dunha peza que o CCG lle encargou a Federico Mosquera (A Coruña, 1986) expresamente para a ocasión e que conta coa participación do actor Xosé Barato (que fai do home só) e con escenografía de As Dúas e Punto.

O concerto emitirase en directo no web do CCG e no prime time da segunda canle da TVG o día 17 de maio.

Os intérpretes desta edición
A interpretación do programa corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, a formación de música contemporánea máis antiga de Galicia. O seu repertorio céntrase en obras de música de cámara desde o principio do século XX ata os nosos días e os seus membros son instrumentistas solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. Proveñen de máis de dez países diferentes e todos eles contan cunha dilatada experiencia e cun labor profesional de alto nivel neste campo. Dende a súa creación, o 8 de abril de 1997, interpretaron as grandes obras do século XX, e tamén do XXI. Na súa traxectoria destaca a estrea de 193 obras españolas, principalmente de compositores galegos, facendo así un gran servizo á creación musical no noso país.

O grupo está dirixido por Florian Vlashi (Durrës, Albania, 1963). Violinista precoz formado en Albania, é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia desde 1992 e perfeccionou a súa formación con G. Egger (Bachakademie Stuttgart) e L. Müller (concertino da Orquestra de Cámara de Viena). A súa actividade esténdese á pedagoxía, con publicacións sobre a estética interpretativa e actividades como conferenciante (Conservatorio Superior de Música da Coruña, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de La Rioja etc.). Socio protector da Asociación Galega de Compositores desde 2002, é creador, director e intérprete. Actualmente exerce como profesor do Departamento de Cordas no Conservatorio Municipal de Música Carlos López García-Picos de Betanzos, no que dirixe a Camerata Brigantina, a xove orquestra de cámara de Betanzos. Os seus concertos foron retransmitidos por Radio Clásica de Radio Nacional de España, por La 2 de Televisión Española e por TVE Internacional.



O baixo-barítono Daniel Mosquera comezou a súa formación musical estudando piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no que obtivo o título profesional en 2010, e formándose privadamente coa pedagoga Mercedes Goicoa. Paralelamente aos seus estudos musicais, obtivo o Grao en Dereito no ano 2015. Formou parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, co que participou en numerosas producións de ópera e concertos sinfónicos con directores como Lorin Maazel, Ton Koopman, Richard Egarr, Eliahu Inbal, Jesús López Cobos ou Alberto Zedda, entre outros.


Federico Mosquera é pianista e compositor, e as súas obras téñense tocado en España, Portugal, Francia, O Reino Unido, Italia, Estonia, Os Países Baixos, Cuba e A China. O seu catálogo inclúe música de cámara (na que destacan Ignis et Terra para quinteto de ventos, de 2015, encarga do CNDM e estreado polo quinteto Zoar, e Café Madrid 1916, encarga e estrea por parte de membros da ORCAM) e ópera de cámara (Cargamento de sueños, en 2017, encargado e estreado polo Damask Vocal Quartet). Actuou en importantes salas, como a Jurriaanse Zaal e a Grote Zaal de De Doelen (Rotterdam, Os Países Baixos), a Zeeuwse Concertzaal (Middelburg, Os Países Baixos) ou a Casa da Música (Porto, Portugal), así como en festivais, por exemplo Harmos Festival 2010, Festival Repeat 2011, Festival de Música de Cámara da Haia (2013), Festival Gergiev 2013 ou Festival de Dúos de Piano (2014) en Ámsterdam, tanto en calidade de solista como de músico de cámara.

O Concerto das Letras Galegas
É a segunda vez que o Concerto das Letras Galegas se celebrará na Coruña, cidade que acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María a cargo de Milladoiro. Esta proposta deseñada polo CCG comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 levouse a cabo en Vigo, en homenaxe a Xela Arias; a de 2022 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista, e en 2023 volveu a Vigo para conmemorar a Francisco Fernández del Riego.