NOTICIA

----

Caligrafías musicais incorpora unha detallada intervención de Rogelio Groba sobre Béla Bartók

A complexa e fecunda personalidade de Béla Bartók (1881-1945) centra a conferencia que Rogelio Groba pronunciou a principios dos anos oitenta na Coruña, con ocasión do centenario do nacemento do compositor húngaro. Esta intervención, que forma parte do Fondo Ramiro Cartelle, é a nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimestralmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. A conferencia estivo acompañada de intervencións musicais e nela Groba destaca os trazos máis destacados da personalidade, biografía e carreira musical de Bartók.

Co gallo do centenario do nacemento do compositor, etnomusicólogo e pianista Béla Bartók (1881-1945), Rogelio Groba ofreceu unha conferencia sobre o músico húngaro. Na intervención, que tivo lugar na Coruña e foi encargada polo Ministerio de Cultura, comezou debullando a rara personalidade e o carácter activo, altivo e solitario do creador húngaro, que se “afastou dos circuítos hexemónicos da época: París, Viena ou Berlín”, segundo apuntou Groba. “O seu nome non aparece vencellado a ningún escándalo artístico”, ao tempo que foi “garantía e punto de partida de moitos outros músicos”, indicou Groba. Tamén fixo un repaso pola súa biografía, caracterizada por constantes viaxes tras a morte do seu pai, ata que, segundo Groba, “se instala voluntariamente nos Estados Unidos”.

Na súa intervención falou da formación artística centroeuropea de Bartók, que comezou no súa fogar, grazas ás ensinanzas da súa nai. R. Strauss, Liszt, Debussy e Bach son algúns dos compositores que marcaron a súa primeira etapa. “Beethoven inflúe tanto na súa obra, ata tal punto, que levaba partituras no peto”, explicou Groba, e pouco a pouco foi investigando sobre compositores anteriores.

“Como todo home, sentiuse atraído pola política”, afirmou Groba, quen asegurou que Bartók trasladou o seu compromiso social ás súas obras. Describiuno como un neno enfermizo marcado por diferentes doenzas que lle afectaron física e psiquicamente ao longo da súa vida. Destacou tamén a escaseza de medios económicos que o acompañou ata a súa morte. Esta precariedade contradise co seu legado, porque, como apuntou Groba na súa intervención, “ao pouco de morrer, calculábase que os dereitos de autor xerados pola súa obra ascendían á cantidade de medio millón de pesetas diarias”.

Rogelio Groba tamén resaltou a importancia que para Bartók ten o folclore, xa que, coa axuda de Kodály, se dedicou á recollida de música tradicional por Europa, Turquía e África do Norte. Chegaron a recompilar máis de oito mil melodías que, ademais, amosaban que os cantos populares proveñen de raíces comúns. Con todo, para Groba, Bartók non é compositor folclorista, senón que, segundo afirma, “ ‘metamorfea’ esta música tradicional, respectando a esencia, ata crear unha obra orixinal, emotiva e culta”.

Ademais, tamén profundou nos trazos da linguaxe bartokiana e nos estilos polos que pasou e, con exemplos, fixo un percorrido pola obra pianística, de cámara, orquestral e escénica do músico húngaro. A conferencia que se inclúe nesta entrega de Caligrafías musicais forma parte do Fondo Ramiro Cartelle da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, cuxos fondos sonoros tamén están no ASG.

Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.