“O pensamento de Luísa Villalta” é o título da conferencia que pronunciará Eva Veiga no marco do ciclo de reflexión Pensarmos. A súa intervención, ao igual que as restantes do ciclo, desenvolverase en formato dialogado, desta volta co tamén escritor Francisco X. Fernández Naval. Esta actividade da Sección de Pensamento encaixa dentro da liña de actuación do Consello da Cultura Galega de estender os actos de celebración do Día das Letras Galegas máis alá do 17 de maio.
Os participantes
Eva Veiga é poeta. Traballou dende 1985 na Televisión de Galicia cunha polifacética e intensa actividade profesional. Especializouse na dirección e presentación de programas culturais (Premio Galicia de Comunicación ou Premio de Honra Fernando Rey). Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez e ao artista plástico Alfonso Costa, forma o Grupo Ouriol, co que vén realizando dende 2002 diferentes espectáculos multidisciplinarios. Como actriz, interpretou a personaxe protagonista do filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo, e participou en Nación, da mesma cineasta. Ten colaborado na escrita de guións para cinema. Publicou, entre outros poemarios, Paisaxes do baleiro (1999); A luz e as súas cicatrices (2006); A frecha azul do Teixo (2010); A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio de Poesía da AELG); Soño e vértice (2016, Premio de Poesía do Concello de Carral e Premio da Crítica Española na categoría de poesía en galego); Silencio percutido (2016, Premio de Poesía Cidade de Ourense); Quérote canto, co poeta Baldo Ramos (2020, Premio Losada Diéguez á Creación Literaria); a antoloxía en galego, castelán e inglés SER EN (2020), e Fragor do urdido, con Francisco X. Fernández Naval (2024).
Francisco X. Fernández Naval iniciouse na literatura en 1980 co poemario A fonte abagañada. Dende entón desenvolveu unha carreira literaria na ficción (poesía, teatro, novela, relato e narrativa infantoxuvenil) e noutras modalidades (ensaio, guías de viaxe, guión de cine e televisión, e artigos en prensa). A súa obra foi traducida a varias linguas. Formou parte, como vogal, do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en substitución de Luísa Villalta.
Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Mar García Puig, Sarah Babiker, Xosé Ramón Veiga Alonso, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías ou Maggy Barrère, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na súa canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón.
Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.


