----

O Arquivo Sonoro de Galicia participa na xornada “Transformando a música en patrimonio”

O patrimonio sonoro centra este venres, 31 de maio, a xornada titulada “Transformando a música en patrimonio” da Biblioteca de Galicia, institución cabeceira do sistema de bibliotecas da nosa comunidade. Na cita, dirixida a profesionais e persoas interesadas en saber como funcionan as institucións da memoria, analizarase a situación actual deste tipo de patrimonio. O Arquivo Sonoro de Galicia participa cun relatorio titulado “Arquivo Sonoro de Galicia: fonte para o estudo da nosa identidade”.

Cristina Pujales Prats, coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, participa cun relatorio no que dará conta da situación do Arquivo e da relevancia dos materiais nel depositados. A xornada inclúe relatorios encamiñados a coñecer como se está a traballar sobre o patrimonio sonoro en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España ou a Biblioteca de Catalunya ou no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, posto en marcha polo Museo do Pobo Galego.

Esta xornada insírese no marco dunha serie de encontros promovidos pola Biblioteca de Galicia para analizar e debater algúns dos temas transversais vencellados ás nosas institucións da memoria.