----

A oitava entrega do proxecto Sextina pon o foco na actividade feminista a prol da legalización do aborto

Aborto. Corenta anos de mobilizacións é o título do recurso que se acaba de incorporar á Sextina, proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) que divulga semestralmente documentos pouco coñecidos pola súa antigüidade, tipoloxía ou procedencia. A publicación presenta unha achega cronolóxica e documental sobre as actividades que levaron a cabo diferentes agrupacións feministas para reclamar a legalización e gratuidade do aborto desde a década dos setenta ata o ano 2014. Carteis, pancartas, adhesivos, fotografías e referencias documentais son algúns dos materiais recompilados nesta monografía, que xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web corporativo.

Aborto. Corenta anos de mobilizacións

Sextina

O dereito ao aborto libre e gratuíto na rede sanitaria pública foi unha das principais reivindicacións que, desde mediados da década de 1970, articulou o movemento feminista organizado en Galicia. Tras a emerxencia nese período dos primeiros colectivos feministas, comezaron a realizarse no país diferentes actividades (manifestacións, concentracións, charlas, mitins etc.) para reclamar que a interrupción voluntaria do embarazo se legalizase. Porén, foi a partir de 1979 e durante a década seguinte cando estas campañas se intensificaron e cando se empezaron a xerar “máis materiais para paliar a desinformación existente arredor da sexualidade, dos métodos anticonceptivos e do aborto”, indica a publicación Aborto. Corenta anos de mobilizacións. Nela explícase tamén a evolución destas demandas nas axendas dos colectivos feministas durante os anos 1991-2000, 2001-2010 e 2011-2014, así como os chamamentos que realizaron na procura de reformas lexislativas en materia de aborto.

O recurso propón así un percorrido cronolóxico e gráfico a través de documentos de variada tipoloxía (fotografías das mobilizacións, carteis, pancartas, chapas, adhesivos, bonos axuda etc.) procedentes, na súa maioría, do fondo especial do Movemento Feminista Organizado en Galicia (MFOG) do CCG. Os materiais foron recompilados en 2014 pola Comisión de Igualdade da institución —actualmente, o CDIF— como resposta á onda conservadora que facía perigar a Lei de interrupción voluntaria do embarazo de 2010 e foron presentados na monografía temática que se difunde nesta oitava entrega da Sextina.

Sextina
Sextina é un proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Ten como obxectivo dar visibilidade a aqueles libros, folletos ou documentos que compoñen os fondos do CDIF e que se consideran de especial interese, ben pola súa rareza, ben por seren pouco coñecidos debido á súa antigüidade, tipoloxía, forma de produción, procedencia ou xeito de difusión. Cada seis meses, e dende novembro de 2020, a Sextina incorpora unha nova publicación. A mulher hoje (1983), considerado como un dos primeiros documentos sobre educación non sexista publicados en Galicia; a Carta dos dereitos da muller traballadora (1983), folleto para reclamar a eliminación das discriminacións legais e a igualdade de oportunidades entre sexos, ou As mulleres tamén temos algo que decir sobre as eleccións (1982), no que se recollen unha serie de esixencias destinadas a erradicar a discriminación das mulleres, son algunhas das obras que conforman o proxecto.