NOTICIA

----

Os problemas de preservación dos xardíns históricos centran a nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

“Xardíns históricos: a protección dun patrimonio cultural” é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). A cita, organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), reunirá este martes, 11 de xuño (16:00 horas), diferentes especialistas para abordar os problemas de conservación e valoración dos xardíns históricos como bens culturais. Ricardo Varela é o coordinador desta actividade, que se desenvolverá presencialmente na sede institucional do CCG e que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

En Galicia temos un rico patrimonio en materia de xardíns históricos, que, ademais, se ve favorecido polas boas condicións naturais coas que conta o territorio. Porén, son bens que espertan unha escasa atención na sociedade e que contan cunha exigua protección pública con respecto a outros países europeos. Esta circunstancia, unida aos riscos naturais e urbanísticos latentes aos que se enfrontan e a uns catálogos de protección deficientes, converte os xardíns históricos nuns bens moi vulnerables.

Co fin de profundar nesta problemática, a 47ª edición dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural pon o foco na necesidade de valorar e protexer os xardíns históricos como bens culturais. Da man de diferentes persoas expertas, abordarase a importancia de afondar no coñecemento histórico deste patrimonio e de promover a súa divulgación; daranse a coñecer as demandas dos titulares e dos profesionais implicados na súa restauración, e analizarase o papel determinante que ten a cidadanía na defensa pública destes bens.

O programa
Abrirá a cita Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen ofrecerá unha panorámica tanto da historia cultural dos xardíns dos pazos como dos problemas de conservación aos que se enfrontan debido á súa gran fraxilidade. A continuación intervirá Felipe Bárcena Varela de Limia, cun relatorio que leva por título “O pazo da Peña do Ouro. Orixe, desenvolvemento e futuro”.

A sesión continuará coas intervencións da presidenta da Associação Portuguesa dos Jardins Históricos, Teresa Andresen, e mais de Domingo Couto Toucedo, da plataforma SOS Xardíns Mondariz Balneario. No caso de Andresen, dará a coñecer a ruta turística polos xardíns históricos máis emblemáticos de Portugal e a iniciativa levada a cabo pola asociación que preside para promover a súa conservación e valoración. Mentres, Couto Toucedo destacará o papel que ten a cidadanía na salvagarda deste tipo de bens patrimoniais.

Para concluír, os catro relatores e relatoras, moderados por Ricardo Varela, participarán na mesa de debate “A protección dos xardíns históricos”. Nela, exporán a necesidade de definir o papel que deben xogar as administracións públicas de cara a garantir a preservación e conservación duns bens patrimoniais que se atopan, maioritariamente, en mans privadas.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que se organiza con carácter periódico desde o ano 2015, ten como obxectivo analizar e caracterizar os bens patrimoniais, así como poñer o foco na formulación de tipos de protección deses bens e nas iniciativas postas en marcha para a súa divulgación e socialización. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas, as igrexas medievais, o casco vello de Vigo, o patrimonio da transición democrática, os xacementos perecedoiros da Prehistoria en Galicia ou o impacto cultural dos encoros centraron sesións anteriores do ciclo.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. Teresa Nieto Freire é a secretaria da Sección, que ten como membros a Nieves Amado Rolán, Carlos Amoedo Souto, Rosa Benavides García, Rebeca Blanco-Rotea, Ana Estévez Lavandeira, Olimpia López Rodríguez, Daniel Lorenzo Santos, Juan M. Monterroso Montero, Ángeles Penas Truque, Francisco Xabier Redondo Abal, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara Morales, Luisa Serrano García e Hortensio Sobrado Correa.