NOTICIA

----

Súbense á rede fondos documentais da Agrupación Artística Gallega da Habana

A Agrupación Artística Gallega da Habana, creada no ano 1919 e hoxe en activo, é esencial para entender a difusión da música e do teatro galegos en Cuba. Algúns dos fondos desta entidade conforman a nova entrega do especial web Memoria documental das sociedades da emigración galega que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e xa dispoñible no web da institución.

O Arquivo da Emigración Galega (AEG) pon na rede o material pertencente esta sociedade que estivo presente na vida cultural habaneira dende o inicio do século XX e que segue activa. Entre o material que se pode atopar hai libros de actas das reunións das xuntas directivas da Agrupación, en intervalos que oscilan entre 1922 e 1934; libros de actas das reunións das xuntas xerais de socios (1944-1949); regulamentos de 1919 e 1921 e tamén unha carta de 1927 e libros de balances de tesourería dos anos 20 ou libros de rexistro de socios que abranguen boa parte do século XX. Tamén se conserva, aínda que sexa incompleto, o libro de caixa de funcións teatrais de 1923 ata 1926, que rexistraba o que custaba poñer en marcha unha función teatral (alugueiro do teatro, imprimir convites...) hai un século na Habana.

Entre a documentación que se pode consultar no web está tamén o volume de asociados e cantidades ingresadas. Entre elas pódese ver unha axuda económica que se decidiu enviar a unha das fillas de Manuel Curros Enríquez. Esta agrupación formaba parte da rede solidaria de asociacións de galegos e españois no exterior que se organizaban para reunir capital co obxectivo de obras solidarias.

A Agrupación Artística Gallega creouse na capital cubana o 23 de setembro de 1919 co obxectivo principal de «cultivar la música y fundar una clase de declamación para crear artistas y con ella divulgar nuestro arte teatral», segundo consta no seu primeiro regulamento social (1919). No novo regulamento de 1921 deixa claro a súa defensa da arte e cultura galegas ao especificar que se tratará «(...) con preferencia el [arte] gallego para lo cual se crearán las secciones de Filarmonía, Declamación y Masa Coral». A súa programación e ensaio recollía pezas habaneiras, tangos e demais actividades co obxectivo de prestixiar a comunidade galega en Cuba e demostrar que Galicia tamén contaba cunha cultura propia e con música de seu. Coro, orfeóns, grupos de baile e música tradicional formaron e forman parte da vida deste colectivo, que deixou a súa pegada nos rexistros de socios nos cales constan os membros de cada coral ou de cada grupo teatral. Esta Agrupación tamén é unha das poucas sociedades galegas na Habana con sede propia, cousa a salientar, xa que normalmente as sedes destes colectivos estaban radicadas no Centro Galego da cidade, como tamén é o caso da Habana.

Proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega

Dende febreiro deste ano, o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto web Memoria documental das sociedades da emigración galega. Trátase dunha iniciativa que procura divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións. Trátase de elementos como libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.