----

Comeza en Verín un ciclo para afondar na vida e pensamento de Eloy Luis André

O psicólogo clínico Xosé Ramón García Soto foi o encargado de abrir as “Xornadas Eloy Luis André” coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Verín, se achegan á figura deste pioneiro da psicoloxía en España. A coordinadora da Sección de Pensamento do CCG, Celia Pereira, e a concelleira de cultura de Verín, Samanta Barreira, inauguraron este ciclo que programa todos os xoves de outubro unha sesión para profundar na vixencia do legado deste pensador.

As sesións continúan o 10 de outubro, cunha intervención de Ramón López Vázquez titulada "A variante André": europeísmo, españolismo, galeguismo. O 17 de octubre Alberte Blanco Casal falará da visión estratéxica das comunicacións terrestres de Eloy Luis André. A seguinte semana, o 24 de octubre Aurora Prieto, Miguel Losada, Vicente R. Justo e Xosé Ramón García Soto intervirán baixo o título “Descubrindo as curvas melódicas da fala”. Pecha o ciclo Carlos Thiébaut, 31 de octubre, cun relatorio titulado “Tras o lume: esquecementos e lembranzas”. Todas as sesión son no auditorio de Verín e a entrada é libre e de balde.

Sobre Eloy Luis André
Nado en Mourazos en 1876, Eloy Luis André (Verín, 1878- Madrid, 1935) foi un pioneiro da psicoloxía en España, cuxa obra e labor docente contribuíron de forma significativa ao desenvolvemento desta disciplina no noso país. Formouse en universidades europeas como Lovaina, Bruselas e París, pero regresou a España para dedicarse á docencia e a investigación.

André foi un dos primeiros en introducir a psicoloxía experimental en España, creando laboratorios en varios institutos. Tamén colaborou co destacado psicólogo alemán Wilhelm Wundt, o que lle permitiu difundir as ideas máis avanzadas da psicoloxía científica no noso país.

A súa traxectoria académica estivo marcada por unha intensa actividade docente e investigadora. Despois de ocupar cátedras en diferentes institutos, foi nomeado profesor de Psicoloxía na Escola Superior del Magisterio de Madrid.

A súa obra, marcada pola busca da verdade e pola defensa dos valores humanos, deixou unha profunda pegada na cultura galega. As súas reflexións sobre a psicoloxía, a educación e a filosofía continúan a ser unha fonte de inspiración.