O seminario constará dun relatorio inaugural titulado “O retorno nos estudos migratorios”, a cargo do vicepresidente do CCG, profesor e historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do AEG, Xosé M. Núñez Seixas, e de catro sesións co obxectivo de analizar os diferentes aspectos do retorno migratorio. A primeira sesión contará con tres intervencións vencelladas ao impacto económico e á modernización derivados do retorno da emigración. A primeira delas será a do profesor da USC Xoán Carmona, co tema “Retorno e remesas na modernización económica da Galicia contemporánea”; a segunda estará a cargo de José Manuel Prieto Fernández, profesor e investigador na Universidad de Oviedo, co título “Os emigrantes e a súa achega á modernización de Asturias (1850-1936)”; e rematará esta temática o historiador e profesor do IES Campo de San Alberto de Noia, Raúl Soutelo Vázquez co tema “Retornos, familias e espazos sociais: proxectos, intereses e conflitos antes e despois de 1936”.
A segunda sesión centrarase na emigración que volve a Galicia dende mediados do século XX, temática que se iniciará coa intervención de Laura Oso Casas, investigadora da Universidade da Coruña dentro do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI), baixo o título “Tartarugas e elefantes. O retorno ás raíces da emigración galega a Francia”; e continuará con “A emigración de retorno na Galicia interior. O caso de Antas de Ulla (1950-2000)” do profesor e historiador da USC Francisco Armas Quintá.
Na terceira parte o foco porase na demografía e as políticas de retorno. Belén Fernández Suárez e Antía Pérez Caramés, investigadoras tamén do ESOMI, impartirán, respectivamente, os relatorios titulados "As políticas de retorno en Galicia (2020-2026): un billete de volta á casa" e "O papel do retorno nas novas".
A última sesión xirará ao redor das narrativas e estratexias de retorno da nova emigración galega. Principiará María Alonso Alonso, profesora e investigadora da USC, coa intervención “Suxeitos abxectos: o concepto de retorno en Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres”, e continuará Iria Vázquez Silva, da Universidade de Vigo, con “Retorno a Tagen Ata: estratexias de retorno de Europa da «novísima» emigración galega”. Tras esta última intervención virá un tempo de debate aberto á participación do público.
O Arquivo da Emigración Galega
Este seminario está organizado polo Arquivo da Emigración Galega, un centro de documentación e investigación sobre o fenómeno da emigración galega dende unha perspectiva multidisciplinaria, creado no ano 1992 polo CCG. O obxectivo do AEG é ser un lugar de encontro e un centro documental e de información para todas aquelas persoas interesadas no estudo do fenómeno migratorio, para o cal dende o seu comezo ten como prioridade a recuperación e salvagarda documental e gráfica do patrimonio cultural xerado pola diáspora galega. Para iso, o CCG pon este legado documental á disposición do público xeral e do persoal investigador especializado no estudo dos fluxos migratorios.



