----

Expertos destacan as dificultades dos emigrantes que retornan

"Os números de migrantes non palían o envellecemento da poboación nin tampouco axudan a reverter o despoboamento do rural", afirmou Antía Pérez Caramés, unha das tres coordinadoras do seminario celebrado hoxe, baixo o título Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinar. Organizado polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), profesionais da historia, demografía e socioloxía analizaron as características, perfís e o impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. Na inauguración, o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, destacou o traballo que a institución leva realizando na análise deste fenómeno desde hai un cuarto de século. Xunto con el, Begoña Solís Domínguez, subdirectora xeral de Retorno da Xunta de Galicia, salientou que "o retorno é unha oportunidade para Galicia, porque incorpora redes de contactos que poden xogar un papel clave". Os relatorios foron gravados e pódense consultar no web corporativo e na canle de YouTube.

Desde finais do século XIX ata hoxe houbo tres grandes vagas migratorias: a primeira é a americana, de finais do século XIX e comezos do XX; a segunda é a europea, de mediados do século XX ata a crise do petróleo; e a terceira é a máis recente, ligada coa crise económica de 2008. Contabilízase que o 20% da poboación galega, arredor de 534.000 galegos e galegas, viven no exterior (dos que o 75% xa naceu no estranxeiro e o 25% en Galicia). Esas tres etapas mantiveron algunhas semellanzas, e Antía Pérez Caramés, investigadora da Universidade da Coruña (UDC), destaca que unha é moi obvia: "quen retorna ten un motivo para facelo".

Pérez Caramés leva máis de dúas décadas analizando este fenómeno e ten claro que "quen volve é porque sempre mantivo os vínculos, porque ten algunha obriga familiar (coidado, apoio...) ou simplemente porque a súa situación no país de acollida non foi boa". Nas tres vagas sempre houbo retornos, pero é a partir de 2008 cando se contabiliza un maior número de persoas retornadas. Segundo Antía, "as condicións de mobilidade agora permiten manter máis fortes os vínculos, que acaban sendo determinantes para o regreso".

Os perfís dos “novos retornados”
Belén Fernández, profesora da UDC, destaca que o perfil da persoa que emigra nesta última etapa, entre 2003 e 2020, ten un alto nivel educativo e diríxese principalmente a Suíza e Reino Unido. Dentro desta etapa tamén se contabiliza unha "emigración silenciosa" formada por 315.000 galegos e galegas que emigraron a outras partes do Estado. Este perfil completouno outra docente da UDC, Iria Vázquez, que realizou unha investigación cualitativa sobre un grupo de 20 persoas (10 homes e 10 mulleres) dunha media de 35 anos, emigrados en Francia e Reino Unido. Nela apreciou unha maior propensión ao retorno dos emigrantes "queimados", con respecto á súa experiencia migratoria, dos precarios que tiñan unha sensación de discriminación laboral, fronte ao tipo de emigrante "exitoso" que regresa por ter acadado algunha das súas metas profesionais á hora de emigrar. Na súa investigación comprobaron como a crise derivada da Covid-19 e o Brexit foron atenuantes nas decisións de retorno. Con todo, a súa investigación destaca que "retornar é máis difícil que emigrar". Ademais, apunta Vázquez que en todas as vagas migratorias houbo mulleres, pero a máis recente, a que se produce trala crise de 2008, "é a primeira na que as mulleres son minoría". Hai tamén outras características: "son migrantes autónomas, que viaxan soas e que se instalan en países nos que se está artellando o sistema do benestar, que precisa de man de obra". Ao fío da súa investigación, permite desbotar moitos dos mitos e dos lugares comúns dos retornos.

Os mitos sobre os retornos
"O retorno ten un carácter de mito tanto entre os estudosos como nos propios retornados, polo que cómpre desmitificar algunhas ideas", apuntou Antía Pérez Caramés. "É verdade que existiron emigrantes exitosos que regresaron a Galicia, pero ese perfil non é realista e estes lugares comúns non permitiron ver a diversidade dos motivos (económicos, familiares, afectivos, contextuais, políticos...) polos que a cidadanía regresa a Galicia. O retorno non nos vai salvar, e non é verdade que os retornados palían o envellecemento e permiten poboar o rural", apuntou. Para ela, "distrae dos verdadeiros problemas e debemos recoñecer o papel estrutural da emigración na sociedade galega".

As políticas de retorno
Coa aprobación da Lei de Recoñecemento da Galeguidade en 1983, comeza a primeira das tres etapas de políticas de retorno que Belén Fernández identificou na acción do goberno. Contabilizou que se triplicou a contía de axudas desde 2011 e que suman xa 13 millóns de euros en diferentes liñas de acción. Axudas á mocidade exterior, programas de mobilidade para maiores de 65 anos e programas ou bolsas para promover emprego son algúns dos programas que se manteñen para incentivar os retornos. "A filosofía das políticas de retorno en Galicia é asistencialista e identitaria, utilitarista, buscando incidir no emprego, e finalmente, apréciase unha centralidade no rexuvenecemento da poboación e na empregabilidade de retorno cualificado" apuntou Fernández.

Na súa intervención, Belén Fernández concluíu que a partir de 2017 hai máis chegadas que saídas de poboación nativa e nacida en Galicia. "Con todo", apuntou, "o retorno está avellentado (case un 60% ten máis de 55 anos), e o perfil de persoas novas segue a ser dominante nas partidas desde Galicia".

Na sesión tamén se abordaron casos de estudo locais, como o de Antes de Ulla, entre 1950 e 2000, que debullou Francisco Armas Quintá, centrado na emigración que volve a Galicia dende mediados do século XX. Xusto o momento que analizou Laura Oso Casas, investigadora da UDC no marco do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI), cuxo estudo amosou que a estratexia de retorno das persoas descendentes da emigración española a Francia nos anos 60 e 70 debíase á nostalxia do país de orixe e tamén sobre o proxecto de mobilidade social da familia.