“Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias. Nin rastro de certas palabras, feitas tabú nese contexto: nin ‘fillos’, nin ‘netos’, nin ‘xenros’, nin ‘noras’... Mais esta situación anómala está a mudar”, asegúrase no texto de presentación desta xornada.
A morte e o seu reflexo na lingua propia
O primeiro relatorio será o do teólogo e escritor galego Manuel Regal Ledo, co tema “Reflexión sobre a significación da lingua escollida para os actos funerarios: seguir presente ou desaparecer”; despois será a quenda de David Canto Veiga, xornalista, coa intervención “Panorámica do uso da lingua nos rituais funerarios. Porcentaxes xerais e identificación dos lugares de referencia positiva”. Ambos estarán moderados por pola lingüista Anxos Sobriño.
A mesa coloquio posterior versará sobre a presenza do galego nos actos funerarios das confesións relixiosas maioritarias. Para isto contarase coa presenza de representantes de entidades como a Arquidiocese de Santiago de Compostela, a Unión de Comunidades Islámicas de Galicia e o Consello Evanxélico de Galicia, nunha conversa moderada polo docente e membro da comisión técnica do CDSG Bernardo Penabade.
Xa na quenda da tarde será o momento dunha mesa coloquio ao redor dos servizos funerarios e a lingua empregada nestes, a súa demanda, os recursos das empresas para atendela e a incidencia das iniciativas normalizadoras do sector. Participarán Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios; Manel Pardo de Lindeiros; Ana Fabeiro, de Ana Fabeiro Arte Floral, e Rocío Vázquez, de Luz Verde Eventos. Estarán moderados na conversa por Mónica Fernández, do CDSG.
Na última mesa de traballo presentarase unha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Os relatores serán Yoani Jartín Salgado, que amosará o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; logo virá Manuel Campos Sanmartín, co “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e pechará Marta Besada coa súa presentación “Galeg@ para sempre”. A mesa estará moderada por Ana Iglesias, pertencente ao CDSG. Como colofón a esta xornada haberá unha ruta por Santiago de Compostela, “As mil caras da morte compostelá”, coordinada por Manuel Gago Mariño, director de culturagalega.gal, portal de divulgación cultural que mantén o CCG, que tratará o tema das culturas da morte na trama urbana compostelá.
Ademais do propio programa presencial, no web corporativo do CCG hai un arquivo con recursos en liña dispoñibles para afondar na materia, ademais dun vídeo de produción propia no que se narran varias pezas da tradición cultural e literaria galega sobre a temática da morte e a súa transcendencia, con extractos de obras como a fórmula empregada no medievo para os testamentos; o “Epitafio a Noriega Varela”, de Álvaro Cunqueiro, e pequenas composicións de Rosalía de Castro ou Fina Casalderrey, entre máis autorías.
Os Encontros para a Normalización Lingüística
O evento insírese dentro do marco dos Encontros para a Normalización Lingüística, iniciados no ano 1993 e consistentes nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean, a súa sociedade, os seus retos e perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.