A xornada arrinca cunha intervención titulada "O teatro galego na Transición", impartida por Carlos Biscainho, profesor, investigador e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Esta charla ofrecerá unha análise sobre o papel que o teatro galego xogou durante o período de transición á democracia, subliñando o seu impacto social e cultural.
Ás 17:30 horas, celebrarase unha mesa-diálogo centrada na realización do proxecto "A memoria do teatro galego na Transición", un audiovisual que documenta e homenaxea este importante legado. A mesa contará coa participación de Tito Asorey, director do audiovisual, Eduardo Alonso, profesional das artes escénicas e membro da Sección de Artes Escénicas do CCG, así como un dos protagonistas do proxecto, e Inma López Silva, profesora, escritora e investigadora. Tamén estará presente a recoñecida actriz Mabel Rivera, cuxa traxectoria está intimamente ligada ao desenvolvemento do teatro galego.
Este encontro busca reivindicar e difundir a relevancia da produción teatral galega durante un período de transformación política e social, ofrecendo unha oportunidade para o diálogo e a reflexión en torno á súa conservación e divulgación.
Peche dun proxecto documental
A memoria do teatro galego na Transición son catro pezas documentais nas que afrontamos a recuperación, a través da memoria dos seus protagonistas e de documentos audiovisuais da época, dun período fundamental para a construción da identidade social e cultural da Galicia contemporánea. Esta reconstrución da memoria do teatro galego nos anos setenta e oitenta do século XX realizouse a partir da recompilación dos feitos e das creacións que podemos considerar fundacionais do teatro profesional galego, por medio de entrevistas rexistradas en audiovisual e coa participación das persoas que foron, e son, parte activa do movemento teatral independente galego.
As pezas, que duran entre 40 e 45 minutos, foron dirixidas por Tito Asorey, con Jairo Iglesias na edición audiovisual, baixo a coordinación da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.
O proxecto deuse a coñecer en febreiro de 2024 e complétase agora con dous novos episodios: o terceiro e o cuarto. No terceiro cóntase, en boca dos seus protagonistas, como se foron configurando as medidas de apoio institucional ás artes escénicas. No cuarto, mulleres como Mabel Rivera, María Barcala, Ánxela Abalo, María Costas, Casilda Alfaro, Rosa Álvarez, María Xosé Porteiro, Ánxeles Cuña ou Isabel Rey, figuras destacadas no ámbito teatral, contan cal foi o seu papel, afastado dos primeiros postos de dirección e de toma de decisións nos seus inicios.
A primeira das pezas, presentadas a principios de 2024, indagaba nos primeiros inicios dos 70 a través dunha longa entrevista a Manuel Lourenzo, que se complementa con achegas de Xúlio Lago, Xerome Calero, María Xosé Porteiro, Eduardo Alonso, Luisa Merelas, Manuel Amenedo, Laura Ponte, Luma Gómez, Antonio Simón ou Cándido Pazó. O documental narra tamén o retorno dos profesionais galegos que estaban en Madrid traballando no teatro independente español.
O segundo dos episodios detense na Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, promovida pola Asociación Cultural Abrente, que entre 1973 e 1980 foi fundamental para vertebrar e crear un lugar de diálogo para todos os interesados no teatro. Neste documental participan os integrantes do Abrente de aquela, como Luisa Escudero, José Luis Chao, a tamén actriz Rosa Álvarez, Isolina Rionegro, e profesionais como Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Rabón, Euloxio R. Ruibal, María Costas, Manuel Amenedo, Manuel Guede, Mabel Rivera ou Antonio Durán Morris, entre outros.
Xunto a estes episodios concibidos para un público amplo, o Consello da Cultura Galega ten a disposición dos investigadores as entrevistas c0mpletas, que poden ser consultadas con fins de investigación e documentación.




