NOTICIA

----

A exposición Afonso X e Galicia chega á cidade brasileira de Curitiba

A mostra do Consello da Cultura Galega (CCG), Afonso X e Galicia, ábrese ao público no Prédio Histórico da Universidade Federal do Paraná, en Curitiba, este mércores 16 de outubro (GMT-3, hora de Curitiba). Valéria Gil Condé, en representación do CCG; xunto co reitor da Universidade Federal, Ricardo Marcelo Fonseca; e o director do Instituto Cervantes de Brasil, Juan Manuel Casado Ramos, son os encargados de inaugurar este proxecto expositivo que explora a conexión do Rei Sabio con Galicia. A exposición está comisariada por Antoni Rossell, da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e está producida CCG en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

O reitor da Universidade Federal do Paraná, Ricardo Marcelo Fonseca; a súa vicerreitora, Mayara Elita Braz Carneiro; o director do sector, João Frederico Rickli; o o director do Instituto Cervantes de Brasil, Juan Manuel Casado Ramos e Valéria Gil Condé, en respresentación do CCG, serán os encargados de abrir esta nova itinerancia da exposición. Será a propia Valéria a que realice unha visita guiada despois da cal haberá tres conferencias impartidas por tres académicos convidados: Marcelo Correa Sandmann, co título “O trovadorismo galego-português; Marcella Lopes Guimarães coa intervención “A obra de Afonso X” e, por último, Silvana Ruffier Scarinci e Viviane Kubo con “A música na época de Afonso X”. A mostra estará aberta ao público ata o 25 de outubro.

Sobre a mostra
O proxecto foi deseñado en 2019, cando se cumpría o 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio e buscaba visibilizar a conexión coa Galicia de Afonso X. A mostra amosa unha faceta pouco coñecida da súa figura e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.
Non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana. A segunda está orientada a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Despois, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa Maria están presentes na mostra cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

“Afonso X e Galicia” en itinerancia
A mostra abriu as súas portas por primeira vez no ano 2021 en Santiago de Compostela, desde entón suma unha vintena de itinerancias nacionais e internacionais por cidades como Lugo, Ourense, Cracovia Roma, Bratislava (Eslovaquia), Perugia (Italia) e Río de Xaneiro (O Brasil), Nitra (Eslovaquia), Boloña (Italia), Barcelona (España) e Salvador da Bahia, entre outras.