----

Dúas xornadas visibilizan a importancia do Patrimonio Cultural Inmaterial

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle esta semana dúas xornadas (martes 5 e xoves 7), organizadas xunto coa Asociación Ponte nas Ondas...! e co concello de Santiago, no marco do Mes do Patrimonio Inmaterial. Dúas sesións que abordan o patrimonio inmaterial desde dous puntos de vista difernetes. A do martes a chégase ao oficio dos afiadores, mentres a dos xoves abordará a proxección global do Patrimonio Cultural Inmaterial. Ambas as dúas citas serán ás 17:00 horas e forman parte do Mes do Patrimonio que as tres entidades organizan entre o 17 de outubro, Día do Patrimonio Inmateiral e o Día do Patrimonio, o 16 de novembro.

A primeira das citas programadas no Consello da Cultura Galega terá lugar este martes 5 de novembro, ás 17:00 horas, e consiste nunha homenaxe a Florencio de Arboiro, figura representativa da tradición afiadora galega e o maior coleccionista de instrumentos de afiador do mundo. Durante a xornada proxectarase o documental “A última viaxe do afiador”, de Aitor Rei, director, actor, guionista e produtor de cine. Ao remate da proxección haberá un coloquio co público.

O xoves, 7 de novembro (17:00 horas) celebrarase unha mesa redonda dedicada ao Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) galego-portugués e á súa proxección a nivel global. No encontro participarán expertos como Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo e colaborador e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, que tratará o tema “O PCI galego-portugués fóra do territorio galego”; despois será a quenda de Cristina Sánchez Carretero, vicedirectora do Instituto de Ciencias del Patrimonio do Consello Superior de Investigaciones Científicas, onde coordina a especialidade de Antropoloxía, coa intervención “As boas prácticas co PCI transfronteirizas”; logo tomará a palabra Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co tema “Presenza do PCI galego-portugués na Arxentina”; pechará a mesa Álvaro Campelo, profesor da Universidade Fernando Pessoa e vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia, coa participación titulada “As expresións e manifestacións do PCI galego-portugués na lusofonía”.

Outras actividades do Mes do Patrimonio
O 17 de outubro celebrouse o primeiro Día Internacional do Patrimonio Inmaterial. Unha data que abriu as celebración do Mes do Patrimonio cunha mostra do Ministerio de Cultura que xuntaba fotografías dos 25 bens de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) recoñecidos en España pola UNESCO. Neles está o modelo Ponte...nas ondas, que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial na fronteira luso-galego mediante a creación de espazos nos que este patrimonio poida ser practicado e transmitido ás xeracións máis novas. Ademais desta exposición e do encontro que organiza o CCG rendeuse tamén homenaxe o 28 de outubro, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, a dúas persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial de Santiago e que participaron nas actividades de Ponte...nas Ondas, Manuel Miramontes, coñecido como “Bartolo” e recoñecido gaiteiro, e Luz Fandiño, referente da tradición oral e da poesía popular galega.

A programación remata o vindeiro venres, 8 de novembro (19:00 horas) na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, coa proxección do documental Florencio: o cego dos Vilares, dirixido por Pancho Álvarez. Trátase dunha peza que ofrece unha visión persoal ao redor dun dos últimos cegos cantores de Galicia. O evento tamén incluirá un coloquio co director do filme.