"A mocidade ante a violencia", moderada pola escritora Inma López Silva, da voz a Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero, e Martina González, psicóloga, sexóloga e terapeuta. Após a súa intervención será a quenda de Pepe Cabido, profesor de Filosofía e responsable do proxecto "Masculinidades disidentes. Construír homes para a igualdade", que ofrecerá unha charla sobre "Masculinidades e violencias patriarcais. A sesión da tarde comezará coa mesa redonda "Ficcións da violencia", moderada pola autora Montse Fajardo, con intervencións de Sheyla Fariña, actriz, e Luz Darriba, escritora e artista plástica. A xornada remata coa proxección do documental Cosas de hombres, seguido dun faladoiro coa súa directora, Cristina Hernández.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega.
O 25 de novembro celébrase anualmente o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller para denunciar a violencia contra as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación. Arredor desta data, o CDIF leva desde o ano 2017 analizando as diferentes formas de violencia de xénero. En edicións pasadas abordouse o ciberacoso, o patriarcado na xustiza, a violencia sexual, o consentimento e mesmo a importancia de contabilizar os casos de acoso.



