NOTICIA

----

A revista de xadrez Jaque xa se pode consultar no Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración galega, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) para a dixitalización e difusión de medios impresos promovidos pola diáspora, vén de incorporar a revista Jaque. Trátase dunha publicación editada pola "Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda", fundada no Lar Gallego de Caracas en 1955. Esta revista, que viu a luz en xaneiro de 1960, tiña como obxectivo manter informados aos seus lectores sobre o "mundillo do xadrez” e divulgar esta práctica tanto dentro como fóra da Peña. Nesta entrega incorpóranse 19 números, do ano 1960 ao 1961. Xa se poden consultar dende o web corporativo do Consello da Cultura Galega (CCG).

Nesta entrega incorpóranse 19 números da publicación, do ano 1960 ao 1961. A “Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda” foi creada co triplo obxectivo de “practicar, ensinar e difundir o xadrez en todos os seus aspectos” dentro de Venezuela. Unha das súas iniciativas máis destacadas foi a creación do Trofeo "Día de Galicia", un torneo que congregaba xogadores de renome internacional, afeccionados locais e socios do Lar Gallego, converténdose nun referente para os practicantes deste deporte en Caracas.

Nos primeiros números de Jaque, a publicación recollía artigos sobre estratexias e métodos de xogo, noticias sobre torneos e actividades da propia peña, así como análises dos eventos nacionais e internacionais máis relevantes. A revista destacaba pola súa intención de “difundir e promover o xadrez en toda Venezuela”, como se indica no texto introdutorio ofrecido polo Consello. Coa fusión do Lar Gallego, Centro Gallego e Casa de Galicia, naceu a Hermandad Gallega de Venezuela o 12 de outubro de 1960. Nese ano, a Peña e a súa revista tamén pasaron a integrarse nesta nova entidade. Este cambio fíxose visible a partir do número 11 de Jaque.

Os fondos documentais do Lar Gallego de Caracas están, asemade, dispoñibles no web da institución, dentro do proxecto da Memoria documental das sociedades da emigración galega.

O Repertorio da prensa da emigración galega
Como resultado dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace no ano 1998 o Repertorio da prensa da emigración galega. Trátase dunha iniciativa que procura divulgar o patrimonio documental producido pola comunidade galega na diáspora e que, hoxe en día, é actualizado polo Arquivo da Emigración Galega do CCG. Neste proxecto faise unha recompilación dunha relación das publicacións galegas, entre as cales constan boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais e demais, que foron editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por figuras senlleiras da colectividade galega. Malia que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición do público para seren consultados en liña.