----

Un número monográfico de As Follas de Sísifo súbese ao proxecto Sextina

O proxecto Sextina, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), inclúe hoxe unha nova entrega. Desta volta subimos un número de As follas de Sísifo, revista literaria promovida polo Café Uff de Vigo na primeira metade da década dos oitenta.

A publicación naceu para dar voz ao activismo de colectivos minoritarios vencellados á cultura alternativa da cidade de Vigo. Chegáronse a publicar 15 números e incorpórase á Sextina o número 5, un monográfico de autoras feministas. Leva por título "Por ser muller..." e constan como directoras: Nieves, Esperanza, Elda Patricia, P. e J.L.. Presenta textos reivindicativos, máis ou menos intimistas, que abordan cuestións como o patriarcado, o sexismo, o franquismo, a guerra, a pobreza, os roles de xénero, o lesbianismo, a liberdade, as prisións, a loucura, o exilio, a sexualidade, o movemento obreiro, o feminismo.

Os textos orixinais deste número son de Luisa Castro e Margot Chamorro. Tamén hai un conto anónimo e unha selección de poesías, unha entrevista e fragmentos narrativos, en castelán ou traducidos ao galego, de obras de autoras como Ingeborg Bachmann, Simone de Beauvoir, Nancy Cato, Emily Dickinson, Erina, Ericka Huggins, Anaïs Nin, Silvina Ocampo, Cristina Peri-Rossi, Safo, Lou Von Salomé [Lou Andreas-Salomé], Marguerite Yourcenar e Melina Mercouri. Na maioría dos casos inclúense breves notas biográficas sobre elas.