----

Unha xornada afonda na conexión galega do compositor arxentino Isidro B. Maiztegui

Os Seis poemas gallego de Lorca para piano e voz que compuxo Isidro B. Maiztegui Pereiro (Gualeguay, 1905-Mar del Plata, 1996) volverán soar vinte e oito anos despois de que o propio autor os interpretase no Consello da Cultura Galega (CCG). Será este luns 16 de decembro, a partir das 18:30 horas, no marco da actividade titulada “POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano” encamiñada a visibilizar a figura deste compositor arxentino fillo de galega. A actividade inclúe unha conferencia en un concerto a cargo de Lucas López López, Premio Andrés Gaos na categoría sénior.

A Sección de Música do CCG organiza esta actividade que pretende servir de homenaxe a este compositor arxentino, descendente de emigrantes españois (de nai galega e pai vasco), que desenvolveu unha extensa actividade musical entre Arxentina e España. Foi unha das figuras máis relevantes da composición musical do século XX nos dous países debido á súa producción de música de cine, teatral e de concerto.

Conferencia e concerto
A actividade comeza cun relatorio a cargo de María Fouz, doutora en Historia da Arte e Musicoloxía pola Universidad de Oviedo, que nos permite coñecer a traxectoria vital e musical do compositor arxentino e o contexto de creación da música para os Seis poemas galegos de Federico García Lorca.

Após a súa intervención terá lugar un breve concerto. Comeza coa peza cos Seis poemas galegos de Federico García Lorca para canto e piano que Maiztegui compuxo en 1994, animado polo profesor e xurista Luis Pérez Rodríguez. Foi o propio Pérez Rodríguez, autor do libro O pórtico poético dos «Seis poemas galegos» de F. García Lorca, que quen o trouxo en 1996 a Santiago ao Consello da Cultura Galega, onde estreou a súa canción acompañado da soprano Marta de Castro. Un mes máis tarde desa actuación, o 29 de maio de 1996, Isidro B. Maiztegui falecía en Mar del Plata.

Nesta ocasión, ao piano estará Sander C. Lekkerkerk. Acompáñao o barítono Lucas López López, que acaba de acadar o premio Andrés Gaos na categoría sénior que distingue a voz galega máis destacada, dentro do Certame de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela co apoio do Consello da Cultura Galega-. O programa continúa con dez pezas que constatan a devoción de Maiztegui pola cultura e pola lingua da súa nai. No repertorio figuran non só os xa citados Seis poemas galegos de Federico García Lorca, senón tamén obras musicadas dos poetas Celso Emilio Ferreiro e Rosalía de Castro.