----

Unha xornada analiza a Transición en Galicia

O final do franquismo (1973-1977) é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC), HISPONA, abordan este martes (a partir das 9:30 horas) os diversos aspectos históricos e sociais que marcaron a Transición en Galicia e no conxunto do Estado. Emilio Grandío coordina esta cita na que investigadores como Manuel Ortiz Heras, Ana Cabana ou Luis Velasco achegarán múltiples perspectivas e reflexións críticas sobre este período histórico. A xornada, que se emite en directo polo web e as redes sociais da institución, pon o ramo ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades

A xornada afondará nos diversos aspectos históricos e sociais que marcaron a Transición en Galicia e no conxunto do Estado. Manuel Ortiz Heras, da Universidad de Castilla-La Mancha, abre a xoranda cunha análise dos últimos anos do franquismo na súa intervención titulada “As outras violencias. A ditadura franquista morreu matando 1973-1977”. Após a súa intervención, Emilio Grandío Seoane, da USC, reflexionará sobre o proceso de democratización no relatorio “Unha democracia 'inevitable'? Para quen?”.

Ana Cabana Iglesia, profesora da USC, tratará o tema “Voto, protesta e sindicación. Empezar a pór fin ao franquismo na Galicia rural”. E pecha a sesión da mañá Luis Velasco Martínez, profesor da Universidade de Vigo, cunha análise sobre “A VIII rexión militar na Transición: unha Galicia imaxinada”.

A sesión da tarde comezará ás 16:30 horas coa intervención de tres investigadores da USC. Primeiro falará Enya Antelo, quen presentará “Feminismos plurais na Galicia da Transición: encontros e (des)encontros”. De seguido, Paulo López Muñoz abordará “As orixes da cultura política do rexionalismo conservador e centrista: ditadura, transición, democracia (1966-1983)”. Finalmente, ás 18:00 horas, Serxio María Rodríguez Álvarez analizará as “Estratexias do nacionalismo galego ante o incipiente cambio político, o piñeirismo e o novo nacionalismo marxista, revisión e estratexias políticas”. O evento rematará cun debate e a presentación das conclusións.