Esta cabeceira estaba dirixida aos obreiros de fala hispana que había no país, con moitas novas tamén do que estaba a acontecer en América Latina e Europa a nivel político e laboral. Nesta ocasión, súbense 157 exemplares relativos aos anos 1936 e 1937 que conteñen numerosos artigos e información sobre a Guerra Civil española e a represión do exército franquista.
Continuidade do proxecto
Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate declara no seu primeiro número a súa defensa dos dereitos dos e das traballadoras dende os ideais libertarios e anarquistas, que nunca deixarán de lado durante toda a súa longa traxectoria, algo pouco habitual nos xornais desta ideoloxía. Estaba dirixido a todos os traballadores de orixe hispana residentes nos Estados Unidos e dende 1930 convértese no voceiro da Federación de Grupos Anarquistas de Lengua Castellana dese país. Continuou, así, o labor do desaparecido Cultura Obrera, chegou a ser un dos xornais anarquistas máis influentes en castelán neses anos e contou con colaboradores e xornalistas galegos.
Este xornal foi localizado e dixitalizado polo Consello da Cultura Galega na The New York Public Library, no marco dun proxecto sobre os obreiros anarquistas galegos no exterior, dirixido polo profesor Bieito Alonso. O AEG ten nos seus arquivos 1 255 números desta cabeceira. En 2021, no marco deste mesmo proxecto, o Arquivo da Emigración Galega puxo a disposición do público os primeiros 347 números da publicación, que abranguen de 1927 ata 1934.