A xornada comeza comeza cunha intervención de Julio Gómez que, baixo o título “A historia do rexistro sonoro en Galicia desde Domingo Martínez de Presa ata Ana Kiro” ofrecerá unha panorámica da historia do rexistro sonoro. Parte do século XVII con Domingo Martínez de Presa, onde os enxeños como os instrumentos de corda movidos por auga, rodas articuladas que permiten a xeración de sons, son os protagonistas. Remata o seu percorrido coas cintas de casete e a polifacética Ana Kiro e polo medio citará outros nomes propios (Maruxa Boga, Maruxa Villanueva, Perfecto Feijoo....) ao tempo que afonda nunha selección representativa de dispositivos de reprodución mecánica, así como dos formatos de rexistro dos máis singulares.
No segundo relatorio, o especialista en patrimonio sonoro e un dos maiores coleccionistas de disco de lousa de España, Carlos Martín, realizará un percorrido polas demostracións fonográficas en España tras o impacto provocado pola aparición do invento de Thomas Alva Edison, antes de que se establecesen os gabinetes fonográficos. Na súa intervención fará especial fincapé en Galicia, con documentos inéditos e unha gran recompilación de novas.
O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como "Caligrafías musicais" constitúen os eixes centrais da actividade do ASG.
Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Luciano Pérez Díaz e Cristina Pujales Prats.



