NOTICIA

----

A institución expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Vizoso

O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa o seu fondo pesar polo pasamento do artista Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950- Brión, 2025), figura destacada das artes gráficas en Galicia. Na madrugada do sábado ao domingo finou este prolífico cartelista, muralista, escultor e ilustrador de libros. A súa obra destacou polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Ten unha ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos e, entre os seus recoñecementos, destaca o Premio Nacional de Escultura que recibiu en 1968.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) homenaxeouno este ano polo Día da ilustración, que se celebrou o pasado 30 de xaneiro. Con ese motivo, o CCG puxo na rede o fondo “Colección de Carteis da Queimada Popular de Cervo”. Consiste un conxunto de carteis, cedidos pola Asociación Cultural Airiños do Xunco, é unha boa mostra do seu recoñecible estilo. Os carteis celebran a compoñente lúdica e máxica coa que se construíu o ritual da queimada na Galicia contemporánea.