A sesión visibliza iniciativas independentes existentes que desenvolven un importante papel. O programa divídese en catro grandes mesas: sobre arte e territorio; residencias artísticas que promoven a creación; e os formatos de exhibición nos festivais.
O programa
A xornada arrinca coa mesa “Contextos. Arte e territorio” na que interveñen Alejandra Balboa, Asociación de Profesionais das Artes do Movemento de Galicia (PAM) e Cristina Planas Leitão, artista e comisaria independente, Portugal. De seguido, baixo o título “Arte, corpo e pensamento” falarán Sabela Mendoza, De Corpos Presentes e Teresa Lasheras, Museo Universidad de Navarra.
A parte máis numerosa é a das residencias artísticas, nas que se expoñerán diferentes modelos. Por parte das administración falarán responsables do INAEM, da Agadic e da Deputación da Coruña, Carmen Fernández, Pilar Portela e Xavier Campos, respectivamente. Falarán dos programas públicos vencellados a eses formatos. Tamén da administración, desde o concello de Lugo pero da man dun colectivo privado como é Globo, existe Atopémonos Bailando, programa de residencias artísticas e de investigación, dirixido a creadoras de danza e artes do movemento de Galicia, o resto de España, Portugal e Costa Rica que se realizan no Museo MIHL da cidade de Lugo.
Nesta mesa tamén hai proxectos privados. Desde Ourense, Nuria Sotelo explicará o modelo de A Casa Vella que foi un dos primeiros espazos creación e formación continua que busca a dinamización social no contorno rural que se xestaron en 2022. Tamén en Galicia se falará do modelo de Residencias Paraíso, programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas, durante dúas ou tres semanas, en residencias de investigación, creación e técnicas.
Desde o País Vasco estará Idoia Zalabeta explicando Azala, un espacio de creación que ofrece residencias artísticas e un programa de formación continua para persoas creadoras locais e internacionais que ten como eixe a experimentación, a investigación, a hibridación e a contaminación entre as linguaxes artísticas, a cooperación, a multiculturalidade e o carácter de punto de encontro entre artistas.
A xornada pecha falando dos espazos de exhibición, dos festivais falarán os responsables de dous eventos singulares. Un delas é ABANEA, festival creado en 2022 dedicado á danza e ao movemento. Impulsado pola asociación IS·MO Cultura, nace como un proxecto itinerante, concibido para achegar a danza a pequenas e medianas localidades. ABANEA plántase de maneira consciente como un espazo de encontro entre a danza e a poboación, sen estar ligado a unha localidade específica. O seu obxectivo é ofrecer experiencias de movemento accesibles e enriquecedoras en distintos territorios. Canda ela está Plataforma. Festival de artes performativas que naceu coa intención de enriquecer a potencia cultural de Santiago de Compostela. Leva xa cinco edición e o proxecto, baixo o fío da performatividade, quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, a arquitectura, a poesía e outras disciplinas artísticas, buscando traballar en rede e programando accións performativas que están en relación coas liñas de acción de institucións públicas ou privadas. A sesión conclúe cun debate final co público.



