Unha xornada reflexiona sobre a medicina personalizada

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Fundación Xenoma Galicia, organizan este xoves, 13 de febreiro (16:30 horas) a xornada “Proxecto Xenoma Galicia” que trae a especialistas para falar das oportunidades que nos ofrece a medicina personalizada, así como da posta en marcha da iniciativa. A xornada, organizada por Anxo Carracedo e María Brión, ten as prazas esgotadas pero pode seguirse a través do web do CCG e das redes sociais da institución.

Os coordinadores desta cita son tamén os relatores das primeiras conferencias. Arrinca con Anxo Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX), que fala da medicina personalizada e os grandes proxectos xenómicos. Após a súa intervención, María Brion, coordinadora científica de Xenoma Galicia. Instituto de investigación Sanitaria de Santiago do SERGAS, explicará en que consiste o proxecto Xenoma Galicia. Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, atenderá aos cribados poboacionais en Galicia. Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Consellería de Sanidade, ofrecerá un relatorio titulado “A importancia dos datos en saúde” e Senén Barro, director do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, pechará a xornada cunha conferencia titulada “A intelixencia artificial na medicina personalizada”.

Proxecto xenoma e a telemedicina
O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa da Xunta de Galicia que aposta pola xenómica como habilitadora da medicina personalizada e como impulsora da investigación biomédica no ecosistema galego de saúde. Os seus obxectivos son secuenciar o ADN de 400 000 cidadáns e, deste xeito, poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas de maneira precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, así como constituír un banco de datos xenómico e un biobanco galego de mostras biolóxicas dispoñibles para o colectivo investigador.