Natalia Balseiro, Caterina Varela e Susana González son as tres persoas que coordinaban esta cita que pretendía ser, en primeira instancia, un espazo que permitise visiblizar e agrupar as iniciativas privadas que xa existen no país e facilitar un punto de encontro. Cristina Domínguez, coordinadora da Sección, apuntou que, ademais de visibilizar “iniciativas importantes porque son espazos de investigación que axudan a persoas que viven ao seu redor”, serviu tamén “para darlle contido a un informe no que se leva tempo traballando”. Será un documento que describa a realidade galega, terá carácter propositivo e busca impulsar axudas a estruturas e non a proxectos específicos.
A importancia das estruturas
Na xornada participou Carmen Fernández, do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (INAEM) que iniciou o pasado luns unha reforma estrutural profunda. Explicou que existe unha unidade de apoio específico ás residencias de danza. Desde 2022 creouse unha liña específica de convocatoria de axudas a residencias artísticas de danza (a liña A6), que amosan “unha vontade inequívoca específica de apoio á danza do INAEM que queremos comunicar e esperamos ter a posibilidade de desenvolver en toda a extensión”. Fixo un repaso pola acción da entidade que nos últimos 5 anos apoiaron 31 proxectos de 19 solicitudes. “O orzamento da danza teatro e circo é de un millón de euros e a metade, 500.000 foi para danza. É un indicador que se a danza ten unha presenza menor nos espectáculos pero no tema de residencias ten moita visibilidade”. Galicia está por detrás de Madrid, País Vasco, Navarra e Galicia no apoio recibido desde o INAEM. Anunciou a creación dunha dirección xeral de Artes Escénicas e Música que “vai redundar en beneficio da danza xa que permitirá xestionar con máis axilidade as subvencións”. Tamén anunciou novidades importantes na nova convocatoria, con mecanismos correctores.
Pola banda galega, Pilar Portela, coordinadora do Centro Coreográfico Galego, lembrou que en Galicia existe un Plan Integral para a Danza que recolle 35 medidas e 17 obxectivos. Centrou a súa intervención nas diferentes fórmulas que ten a Agadic para apoiar as iniciativas artísticas e de investigación: as axudas de creación (de concorrencia competitiva), coproducións e convenios de colaboración. Portela recoñeceu que medrou o número de espectáculos e no caso da danza no que se aprecia un cambio de paradigma con espazos vencellados á investigación e á exhibición.
As iniciativas
No marco da xornada expuxéronse diferentes modelos que conviven na realidade galega. “Non son todos os que existen, apuntou Cristina Domínguez, pero si son representativos da realidade actual”. Falouse de Atopémonos Bailando, programa de residencias artísticas e de investigación, dirixido a creadoras de danza e artes do movemento de Galicia, o resto de España, Portugal e Costa Rica que se realizan no Museo MIHL da cidade de Lugo. Desde Ourense, Nuria Sotelo explicou o modelo de A Casa Vella que foi un dos primeiros espazos creación e formación continua que busca a dinamización social no contorno rural que se xestaron en 2022. Tamén se falou de Residencias Paraíso, programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas, durante dúas ou tres semanas, en residencias de investigación, creación e técnicas.
A xornada abriu o foco para ver o que acontece noutras zonas e, desde o País Vasco, Idoia Zalabeta debullou o modelo de Azala. Consiste nun espazo de creación que ofrece residencias artísticas e un programa de formación continua para persoas creadoras locais e internacionais que ten como eixe a experimentación, a investigación, a hibridación e a contaminación entre as linguaxes artísticas, a cooperación, a multiculturalidade.
A cita tamén abordou a situación da exhibición amosando dous eventos singulares. Un era ABANEA, festival creado en 2022 dedicado á danza e ao movemento. Impulsado pola asociación IS·MO Cultura, nace como un proxecto itinerante, concibido para achegar a danza a pequenas e medianas localidades. O outro era Plataforma, festival de artes performativas, que leva cinco edicións, tendendo pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, a arquitectura, a poesía e outras disciplinas artísticas, buscando traballar en rede e programando accións que están en relación coas liñas de acción de institucións públicas ou privadas.





