----

A paisaxe abre un novo ciclo para pensar o territorio

O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, inaugura neste ano un novo ciclo para repensar o territorio. O proxecto chámase Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) e estenderase ao longo do bienio 2025-2026. Cada dous meses haberá unha xornada de dous días que permitirá escoitar o relatorio de especialistas sobre as diferentes materias propostas máis un debate con expertos galegos. O ciclo arrinca mañá (mércores 19 e xoves 20, ambos os dous ás 17:00 horas) cun encontro sobre a paisaxe. Teresa Nieto, Carlos Amoedo e Rebeca Blanco-Rotea coordinan este ciclo presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo.

Este novo ciclo busca achegarse ao concepto de territorio desde unha perspectiva contemporánea que analizará as lóxicas que transforman o medio, os lugares e as identidades paisaxísticas. Estudará como as urxencias do crecemento económico modifica o territorio e a forma que as sociedades se relacionan con el. A identidade local que se recoñece nas peculiaridades e singularidades dos lugares é unha realidade dinámica que se debe proxectar no futuro, como un potencial, unha oportunidade, un proxecto, e para iso cómpre protexela no presente.

O formato para estes encontros consiste nunha conferencia marco a cargo dun profesional recoñecido no primeiro día, mentres que no segundo haberá un debate con diferentes axentes locais que son especialistas na área que se propón en cada encontro.

A paisaxe cultural
O primeiro encontro terá lugar o vindeiros días 19 e 20 de febreiro. Baixo o título “Paisaxe cultural e patrimonio territorial. Cara a un proxecto integrado do territorio” trataranse os valores dos lugares e dos bens patrimoniais e de como constitúen un sistema vivo e complexo no que natureza e cultura son inseparables. Esta comprensión sistémica e territorial do patrimonio ten como aliado o concepto de paisaxe cultural, que desempeña un papel fundamental á hora de establecer unha estratexia para integrar a posta en valor dos lugares e dos bens patrimoniais locais nos procesos de coñecemento, ordenación, planificación e transformación do territorio orientados ao benestar social.

Recoñecer e valorizar a estrutura patrimonial do territorio, desde a mirada integradora da paisaxe cultural, afastada do consumo irreversible do medio ambiente e do territorio, contando coa participación social e cos coñecementos e valores da poboación local, está no camiño dunha necesaria autorrexeneración do territorio nas compoñentes materiais e inmateriais.

O mércores 19 (17:00 horas) a arquitecta e investigadora das universidades de Sevilla e Valladolid, Rebeca Merino del Río, ofrecerá un relatorio titulado “Paisaxe cultural e patrimonio territorial. Un proxecto integrado do territorio”. A traxectoria de Merino destaca pola combinación de investigación teórica e práctica no campo da arquitectura e o urbanismo, así como pola súa contribución á comprensión e preservación do patrimonio territorial e paisaxístico.

Será o xoves 20 (17:00 horas) cando terá lugar a mesa ”Paisaxe cultural e patrimonio territorial en Galicia” moderada por Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga. Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT), Universidade do Minho, na que estará presente o arquitecto Manuel Mª Chaín Pérez, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventud; o xeógrafo Xosé Constenla Vega da Universidade de Vigo; o antropólogo José Antonio Cortés Vázquez de AGANTRO, Universidade da Coruña, CISPAC e a enxeñeira agrónoma Inés Santé Riveira da Universidade de Santiago de Compostela

As vindeiras sesións
A sostibilidade territorial e o retorno ao lugar, con especial atención ao papel do territorio rural é o tema que centrará o segundo dos encontros (9 e 10 de abril) aos que asistirá Joan Nogué i Font, xeógrafo catalán coñecido principalmente polo seu traballo no campo da paisaxe, a ordenación do territorio e o urbanismo. Foi director do Observatori del Paisatge de Catalunya, unha institución dedicada á protección, xestión e planificación da paisaxe en Cataluña. Ademais, Nogué destacou polas súas investigacións sobre o territorio e a identidade, así como pola súa contribución á teoría da paisaxe, sendo unha referencia no ámbito da xeografía humana. Gañou o Premio Nacional de Xeografía en 2009, outorgado polo Goberno de España, recoñecendo así a súa traxectoria académica e profesional.

En xuño (9 e 10) a temática é “O modelo global de transición ecolóxica: desafíos e riscos para os sistemas territoriais locais” que contará coa presenza de Jaume Franquesa, antropólogo recoñecido polo seu traballo no ámbito da enerxía, o medio ambiente e a política rural en Europa.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que coordinada Teresa Nieto e que ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Paula Ballesteros, Rosa Bendavides, Rebeca Blanco-Rotea, Carlota Eirós, Ana Estévez, Olimpia Rodríguez, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Francisco Xabier Redondo, Ángeles Pena e Hortensio Sobrado.