----

Unha xornada amosa experiencias singulares de pedagoxía do cine nas aulas

Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Olloboi, amosan este venres (10:00 horas) dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas galegas en diferentes niveis educativos. Ademais, tamén se achega ás prácticas que se están a desenvolver en Portugal. A sesión, coordinada por Cristina Domínguez, Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande, pódese seguir en directo desde o web institucional e a canle de Youtube.

A xornada pretende poñer o foco na relación entre o audiovisual e a educación. Tal e como figura no folleto de presentación da actividade o cine nas aulas empregouse como apoio desde que tecnicamente foi posible facer proxeccións, pero circunscrita ao ensino postobrigatorio en Galicia no ano 1989 coa creación da Escola de Imaxe e Son da Coruña. Foi a LOXSE, no ano 1990, cando se introduce de maneira oficial no currículo educativo tanto na ESO como no Bacharelato. Coa LOMCE, en 2013, o audiovisual adquire a súa relevancia actual, presente nun terzo dos bloques de contidos da materia da ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, e na de Cultura Audiovisual de bacharelato.

O programa da sesión
A xornada divídese en dúas partes. Unha de mañá na que haberá dúas mesas redondas encamiñadas a afondar no cinema como un instrumento didáctico. A primeira mesa titúlase “Educación audiovisual na universidade: da educación artística á industria” está moderada por José Manuel Sande e nela participan Dolores Meijomín (Agadic), Chelo Loureiro (Abano Producións) e Felipe M. Guerra (Associação Ao Norte). A segunda mesa, “o cine como ferramenta pedagóxica” moderada por Ana Moreiras e na que participan Sergio Clavero da facultade de Ciencias da Educación da USC e docente responsable de Aturuxo Films (IES Cacheiras); Mónica García da Filmoteca de Galicia que falará do proxecto Cinema en curso; e, pola banda portuguesa, Elsa Cerqueira profesora de Filosofia na Escola Secundária de Amarante, galardoada co Global Teacher Prize Portugal polo proxecto "Filosofia com Cinema para Crianças".

Pola tarde terá lugar a exposición de iniciativas singulares que se están a desenvolver en Galicia e Portugal. Arrinca cunha introdución a cargo de José Manuel Sande e de Ana Moreiras da Asociación Cultural Olloboi, previa á exposición de proxectos. Pola banda galega exporase o Programa Cinema e escola do Concello da Coruña máis o MICEscola. Cinema e etnografía nas aulas, mentres que pola banda portuguesa achegaranse dous proxectos que se están a desenvolver en Viana como o Encontro luso-galaico de cine escolar e “Vamos Fazer Um Filme”. Tamén haberá un oco para coñecer proxectos interdisciplinares na secundaria que exporá Xiao Berlai do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón en Dodro.

A sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta xornada está organizada pola sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais que coordina Cristina Domínguez e que contra entre os seus membros con Eduardo Alonso, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramón Pinheiro e José Manuel Sande.