A xornada celébrase en dobre sesión. O mércores intervirá Joan Nogué i Font, xeógrafo catalán coñecido principalmente polo seu traballo no campo da paisaxe, a ordenación do territorio e o urbanismo. Foi director do Observatori del Paisatge de Catalunya, unha institución dedicada á protección, xestión e planificación da paisaxe en Cataluña. Ademais, Nogué destacou polas súas investigacións sobre o territorio e a identidade, así como pola súa contribución á teoría da paisaxe, sendo unha referencia no ámbito da xeografía humana. Gañou o Premio Nacional de Xeografía en 2009, outorgado polo Goberno de España, recoñecendo así a súa traxectoria académica e profesional. A partir da súa intervención, o xoves 10 de abril (17.00 horas) terá lugar o debate con expertos galegos nos que participan o xeógrafo Valerià Paül Carril, o biólogo Jaime Fagúndez Díaz, a economista María do Mar Pérez Fra e a comunicadora audiovisual do Instituto de Estudos Ulloáns, Patricia Coucheiro González.
Os Encontros Temáticos Transversais
O pasado mes de febreiro a Sección de Patrimonio e Bens Culturais inaugurou o proxecto chámase Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) que se estenderá ao longo do bienio 2025-2026. Cada dous meses haberá unha xornada (de dous días de duración) que permitirá escoitar o relatorio de especialistas sobre as diferentes materias propostas máis un debate con expertos galegos. Na primeira sesión abordouse o tema da paisaxe. A seguinte cita terá lugar en xuño (días 9 e 10) baixo o título “O modelo global de transición ecolóxica: desafíos e riscos para os sistemas territoriais locais” que contará coa presenza de Jaume Franquesa, antropólogo recoñecido polo seu traballo no ámbito da enerxía, o medio ambiente e a política rural en Europa.